- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da liña de axudas convocadas a comezos de 2024 que contribúen a divulgar a cultura vitivinícola e gastronómica galega
- Na provincia de A Coruña, fináncianse 7 iniciativas, en Lugo, 10, en Ourense, 20 e 19 en Pontevedra
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar hoxe a resolución da liña de axudas dotada de 5,5M€ para fomentar o turismo enogastronómico. En total, a Xunta financia 56 proxectos en toda Galicia que desenvolven iniciativas de embelecemento de establecementos de aloxamento, restauración e adegas, a posta en marcha de proxectos dixitais vinculados a recursos enogastronómicos ou a ampliación e mellora da capacidade de aloxamento para este tipo de turismo.
Por provincias, os proxectos financiados en A Coruña son 7, 10 na de Lugo, 20 en Ourense e 19 en Pontevedra. Os proxectos financiados van desde actuación de eficiencia enerxética como a instalación de aerotermia e solar fotovoltaica, melloras para ampliación da oferta enoturística, para a ampliación da capacidade aloxativa, e deseño, implantación e dixitalización de novas experiencias enoturísticas
As axudas convocadas contaban con tres liñas de financiamento. A primeira dotada con 2.610.000 euros esta destinada a impulsar a adecuación e embelecemento de establecementos turísticos (hoteleiros ou de restauración) para a posta en valor de servizos de enoturismo (servizos específicos de adega, actividades dirixidas ao coñecemento e divulgación de todo o relacionado co viño, elaboración, degustación…). Estes establecementos turísticos tiñan que estar vinculados a unha adega e/ou a parte dos seus viñedos.
A segunda liña, con 590.000 euros, sufraga proxectos dixitais promovidos por establecementos turísticos de aloxamento e restauración que poñen en valor de produtos vitivinícolas e gastronómicos e favorecen a visita (conectividade, uso de aplicacións móbiles, realidade aumentada, creación de contornos de realidade virtual, xogos, visitas virtuais, …)
A terceira das liñas de actuación, de 2.300.000 euros sufraga a ampliación e mellora da capacidade de aloxamento que implique a dotación de novas prazas de aloxamentos e que estean vinculados á posta en marcha de experiencias enogastronómicas, tales como visitas en orixe que poñan en valor o proceso de creación da materia prima, o seu coidado, recolección, procesado, elaboración do produto final, así como experiencias interactivas de cociña ou showcooking, degustacións e catas.
As experiencias deben incluír entre os seus produtos principais, polo menos, un que conte con Denominación de Orixe Protexida de Galicia, Indicación Xeográfica Protexida de Galicia, a certificación Viños da Terra, ou que dispoñan do selo de destino Galicia Calidade.
Plan de Sustentabilidade Enogastronomía de Galicia
Esta liña de subvencións enmárcase nos distintos proxectos que a Xunta de Galicia ten en marcha con fondos europeos que foron asignados á Comunidade galega. En concreto, forma parte do Plan Territorial Enogastronomía de Galicia deseñado pola Xunta no horizonte de 2025 con 34,5M€ e que está composto con tres accións de cohesión en forma de liñas de axuda -unha delas esta-, así como unha decena de Plans de Sostibilidade Turística en Destino nun total de 80 concellos galegos. Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europeao no marco do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.