O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reuniuse cos compradores críticos co novo sistema dixital de traballo para escoitar as súas demandas
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou estes días o recinto feiral de Silleda e, en concreto, a nave onde ten lugar a poxa semanal de terneiros de recría. Alí comprobou o funcionamento do novo sistema dixital de traballo implantado pola dirección da Feira e confirmou o seu apoio á implantación desta nova tecnoloxía porque axiliza o traballo e garante o correcto acceso á información tanto aos vendedores coma aos compradores.
Tras revisar as instalacións e os espazos onde os animais agardan polo remate do mercado e falar sobre posibles melloras cos responsables da súa organización, quixo transmitir unha mensaxe de tranquilidade ao sector, tanto no que respecta aos compradores coma aos gandeiros e mesmo aos transportistas, no senso de que a poxa do próximo martes se vai celebrar con total normalidade. Por iso, animou os criadores a levar os seus animais ao mercado semanal, onde haberá compradores para os seus animais e onde poderán conseguir os mellores prezos.
“Esta semana mantivemos unha reunión co grupo de compradores críticos co novo sistema de traballo en Silleda, e presentaron á Xunta unha serie de melloras na feira que nós, por suposto, imos estudar e implantar na medida das nosas posibilidades”, asegurou o conselleiro.

