- Por provincias, 66 iniciativas desenvólvense en Pontevedra, 42 na da Coruña e 9 na de Lugo
- As achegas beneficiaron a establecementos de 45 municipios galegos
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución d convocatoria de subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego. En total, concedéronse 117 achegas, ás que se destinará máis de 4,56M€.
Por provincias, a que máis iniciativas concentra é a de Pontevedra, na que se sitúan 66 dos proxectos beneficiarios, entre os que se repartirán un total de 2,58M€. Estas iniciativas repártense entre 15 concellos: Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, O Grove, Marín, Nigrán, Poio, Pontevedra, O Rosal, Sanxenxo, Soutomaior, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
Na provincia da Coruña radican 42 das iniciativas ás que se lles recoñeceron axudas, situadas en 25 concellos distintos. Son os da Coruña, Ares, Arteixo, Boiro, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carnota, Cee, Culleredo, Fene, Ferrol, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mañón, Miño, Muxía, Narón, Noia, Oleiros, Outes, Porto do Son, Ribeira, Sada e Valdoviño. En total, 1,68M€ chegarán a actuacións localizadas nesta provincia.
Por último, nove dos proxectos beneficiados desta liña de financiación sitúanse en cinco concellos da provincia de Lugo: Ribadeo, Barreiros, Burela, Viveiro e Foz. Entre eles repártense 303.077,97€.
A convocatoria de axudas a establecementos turísticos para embelecemento do litoral enmárcase nas actuacións de cohesión entre destinos (ACD) do Plan territorial de sostibilidade turística de Galicia e está encamiñada á conservación e á mellora do patrimonio singular e de uso turístico da costa galega. Contemplan tres liñas de actuación: accións destinadas á mellora da eficiencia enerxética, á dixitalización de recursos con potencial turístico no litoral e para a mellora da fachada turística do litoral. As axudas están financiadas ao 100 % polos fondos NextGenerationEU.

