- A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe esta feira promovida en colaboración co taller Eferro dentro do programa de feiras de carácter mensual que se desenvolven desde abril no espazo eferroGhalpón
- Nesta edición do mes de xuño participan dez obradoiros artesanais especializados nos ámbitos da xoiería, da cerámica, da bixutería, dos sombreiros, da estampaxe, do bordado ao aire, do téxtil e dos complementos de moda
- O programa de actividades complétase cun obradoiro de pintura sobre madeira impartido por Como Pez en el agua e coa actuación musical de Faíscas da Pontraga
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá o evento Artesanía de Galicia en Merza correspondente ao mes de xuño e centrado na comercialización do produto artesán galego e na consolidación da marca Artesanía de Galicia. Esta iniciativa consiste nun programa de feiras de carácter mensual, que se están a celebrar dende o mes de abril, e está impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración co obradoiro Eferro, no seu espazo de actividades culturais e lúdicas en Merza (Vila de Cruces), denominado eferroGhalpón.
Nesta edición do mes de xuño participan dez obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia e especializados nos ámbitos da xoiería, da cerámica, da bixutería, dos sombreiros, da estampaxe, do bordado ao aire, do téxtil e dos complementos de moda. En concreto, participan como expositores Amor ó teu estampaxe artesanal (Ames), Belitroque (Lugo), Caldeiro Cerámica (Maceda), Casperlota Atelier (Paderne), Julia Vilariño (Pontedeume), Kinga Haudek (Santiago de Compostela), Marearte (Lalín), María Aba (Ourense), Obradoiro Hedra (Vilaboa) e Zeltia ao aire (A Coruña).
O horario de apertura da feira será de 11,00 a 15,00 e de 16,00 a 20,00 horas. Nese mesmo horario, estase a realizar un obradoiro sobre pintura en madeira, gratuíto e aberto a todos os públicos, que imparte Leonor Díaz do obradoiro Como pez en el agua. A programación da feira complétase con música de Faíscas da Pontraga, a partir das 13,30h, e un posto de comidas a cargo de Fartura.

