- Cun investimento de 22,4 M€, dos cales 10,2 M€ se financiarán con fondos europeos, as novas instalacións ocuparán unha superficie de 8.000 m2 e contarán cunha capacidade inicial para tratar 3.000 Tn/ano, ampliable ata chegar a 24.000 Tn/ano
- Nunha primeira fase prevense crear entre 16 e 30 empregos directos que se cubrirán, con carácter preferente, con persoas con discapacidade ou en risco de exclusión
- Trátase dun proxecto tractor e integrador que permitirá a concellos e empresas do sector téxtil cumprir coas súas obrigacións legais e evitar o uso de vertedoiro
Os traballos previos para a construción e xestión da futura planta pública de clasificación de residuos téxtiles —cun investimento de 22,4 millóns de euros, dos cales 10,2 millóns se financiarán con fondos europeos do MRR—, comezaron este verán en Cerceda, onde se están acometendo xa os primeiros movementos de terras na parcela localizada para albergar as instalacións dentro do propio Complexo Medioambiental de Sogama.
Cunha superficie total de aproximadamente 8.000 m2, a nova planta promovida pola Xunta contará cunha capacidade inicial de tratamento para 3.000 Tn/ano de residuos téxtiles, cantidade ampliable en todo caso ata as 24.000 Tn/ano.
Coa posta en marcha deste proxecto, de carácter tractor e integrador, o Goberno galego quere axudar a dar debido cumprimento ás esixencias contempladas na Lei estatal de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que obriga aos concellos a implantar a recollida diferenciada dos residuos téxtiles desde o 1 de xaneiro de 2025, e ás empresas do sector a incorporar aos seus produtos unha porcentaxe de fibra reciclada. Así mesmo, tamén se busca atender as necesidades da sociedade toda vez que, a día de hoxe, o 90% dos residuos téxtiles —cun crecemento exponencial pola chamada moda rápida— acaban depositados en vertedoiro.
Será, ademais, a primeira planta pública deste tipo en Galicia e nunha primeira fase, permitirá crear uns 16 postos de traballo directos, que poderán chegar a 30, cubríndose preferentemente por persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.
Edificación sostible e incorporación da IA
A edificación, que se estima que poderá estar operativa en xuño do ano 2026, cumprirá con distintos criterios de sostibilidade tales coma o uso de materiais reciclados e que, ademais, sexan duradeiros e fáciles de manter ao longo do tempo.
Tamén incorporará solucións de aforro enerxético, dando prioridade á luz natural dos distintos espazos, así como outras melloras relativas ao consumo de auga e á análise do ciclo de vida do edificio para estudar o impacto que terán os materiais utilizados tanto na fase de fabricación e construción, como na de explotación.
En canto ao funcionamento interno da planta, cómpre indicar que unha vez recibidos os refugallos téxtiles na instalación, estes someteranse a unha preclasificación a fin de separar aquelas pezas que se atopen en bo estado para destinalas a reutilización.
As restantes atravesarán un proceso de selección, por composición e cores, no que se aplicará a intelixencia artificial, segregando a continuación elementos impropios e accesorios tales como botóns, cremalleiras, etc. Os tecidos resultantes prensaranse e enviaranse aos centros recicladores para a súa transformación en fibra téxtil reciclada, aínda que tamén poden contemplarse outros usos, por exemplo, produtos illantes.
Aqueles téxtiles que, dadas as súas características, non poidan ser reutilizados nin reciclados, serán valorizados enerxeticamente, evitando que acaben enterrados en vertedoiro, a peor das opcións polo seu negativo impacto ambiental e sobre a saúde.
Cómpre subliñar que, de forma paralela á construción da planta, Sogama tamén traballa na procura de solucións para recuperar material téxtil da fracción resto (bolsa negra) que entra nas instalacións de Cerceda como complemento ao procedente da recollida separada, impulsando para isto proxectos estratéxicos que permitan á Comunidade galega avanzar cara a un sector téxtil sostible.
Neste sentido, segundo datos da Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA), o cidadán medio da UE comprou 19 kg de roupa, calzado e téxtiles para o fogar en 2022, fronte ao 17 kg de 2019, o que equivale a encher unha maleta grande por persoa ao ano.
O impacto do actual sistema de produción e consumo de téxtiles continúa xerando altas presións sobre o medio ambiente e o clima polos materiais utilizados na súa fabricación, as emisións de gases de efecto invernadoiro, produtos químicos e microplásticos… Por iso, a UE busca reducir estes impactos e lograr que os téxtiles sexan máis circulares e sostibles desde o seu propio deseño.