O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na presentación da nova edición desta festa na que se inclúe o concerto do dúo colombiano o vindeiro 5 de xuño
A Xunta de Galicia impulsará este ano a Festa da Rosa en Mos co apoio á actuación musical enmarcada nos Concertos do Xacobeo do dúo colombiano Cali & El Dandee, que actuarán o vindeiro 5 de xuño ás 22,00 horas, nunha cita que será de balde para o público.
Así o expuxo o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, quen acudiu á presentación desta celebración, onde lembrou que o ciclo dos Concertos do Xacobeo está a definir un programa de citas e espectáculos musicais representativos da comunidade ao longo de 2026 “capaces de atraer a viaxeiros de distintos lugares”, expresou. En concreto, a actuación de Cali & El Dandee dá continuidade ao apoio realizado pola Xunta o ano pasado co concerto de Juan Magán. O dúo colombiano é unha das formacións máis recoñecidas do seu país no ámbito da música latina actual e suman así unha cita deste tipo aos Concertos do Xacobeo, garantindo a aposta do Goberno galego por unha programación musical competitiva, atractiva e aliñada coas tendencias actuais.
Segundo destacou Merelles, coa incorporación desta actuación aos Concertos do Xacobeo, a Xunta de Galicia “reforza a súa estratexia por apoiar iniciativas que dinamicen distintos lugares do territorio galego, axudando a diversificar e repartir a oferta turística tanto no tempo como no espazo”, expresou.
Merelles, que estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, lembrou tamén que en 2025 realizáronse máis de 185 eventos deste tipo, que reuniron a máis de 1,5 millóns de persoas, e avanzou unha proxección similar para 2026, con artistas da talla e proxección de Tom Jones, Katy Perry, Iron Maiden, Amaia, Baiuca ou Nathy Peluso, entre outras actuacións.
Festa da Rosa en Mos
A Festa da Rosa de Mos, de interese turístico de Galicia, é unha das máis destacadas da programación estival do verán en Galicia. Este ano acada a súa 53ª edición incorporando como novidade a Feira do Viño Rosado de Galicia, que se suma á exaltación da empanada do millo -celebrada o 13 de xuño, día grande da festa- para reforzar así a súa dimensión enogastronómica.

