A Xunta impulsa o Camiño no mercado internacional

Redacción
Lectura mínima de 4
  • O director de Turismo de Galicia e o director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño avanzan na proxección internacional de Galicia cara ao Xacobeo 2027
  • Máis de 14.600 peregrinos británicos recolleron a Compostela en 2025, nun destacado interese polas rutas xacobeas

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, viaxa a Reino Unido onde dará comezo o sábado unha viaxe institucional para reforzar os vínculos históricos entre Galicia e o territorio británico ao redor do Camiño de Santiago, nun contexto de preparación para o Xacobeo 2027.

Durante tres días, o director de Turismo de Galicia, acompañado polo director de Administración e Relacións da Asociación de Amigos do Camiño, Ildefonso de la Campa, visitará as cidades de Reading e Southampton no marco dunha acción de promoción vinculada aos Camiños Inglés e Fisterra-Muxía. O seu percorrido incluirá, entre outras actividades, a inauguración dunha mouteira do Camiño Inglés en Southampton, reforzando os lazos entre Galicia e Reino Unido.

O venres, Xosé Merelles visitará Broad Street, a rúa principal da cidade de Reading. Logo de presenciar o concerto de FaltrUKeiras, un grupo musical que achega a música tradicional galega ao público inglés, terá lugar a cerimonia de apertura da xornada ‘Primavera no Camiño’, na que o director de Turismo intervirá para falar da importancia da tradición xacobea na comunidade galega.

Ademais, o evento contará, ata as 17,00 horas, cunha área de promoción con postos informativos da Xunta de Galicia e os Camiños. Os visitantes poderán achegarse para desfrutar de materiais divulgativos centrados na oferta turística de Galicia e os itinerarios xacobeos.

O luns complétase a programación coa inauguración dunha mouteira do Camiño Inglés. Xosé Merelles e Ildefonseo de la Campa visitarán Southampton nunha xornada que dará comezo ás 9:30 horas no Bargate, unha antiga porta medieval e un dos principais elementos patrimoniais da cidade. Máis tarde terá lugar o acto central xunto á igrexa de Holyrood, na High Street, onde se instalará a mouteira. Este templo, coñecido como a “igrexa dos mariñeiros”, simboliza a histórica vinculación da cidade co mar e foi punto de partida de expedicións e peregrinacións. Neste enclave desenvolveranse o acto institucional e a bendición da mouteira, símbolo da peregrinación e a saída das rutas xacobeas cara Galicia.

A partir das 12,00 horas organizaranse visitas simultáneas a distintos espazos patrimoniais da cidade. Ao finalizar, Xosé Merelles chegará ata a Igrexa de St. Julien, enclave representativo do peche simbólico do Camiño en Southampton.

A iniciativa enmárcase no plan de promoción anual de Turismo de Galicia dentro dos obxectivos de achegar o destino galego aos mercados internacionais, reforzando a presenza do Reino Unido como emisor de peregrinos. A iniciativa contribúe a poñer en valor os vínculos históricos do Camiño Inglés e do Camiño Fisterra-Muxía, ao tempo que promove Galicia como destino de referencia de cara ao Xacobeo 2027.

Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), no ano 2025 rexistráronse máis de 130.000 viaxeiros procedentes do Reino Unido aloxados en establecementos colectivos da comunidade. O turismo británico representa xa o 6,7% do total internacional en Galicia, situándose como o cuarto mercado emisor. No mesmo ano entregáronse 14.643 compostelas a peregrinos procedentes de Reino Unido, un 8,3% máis que no ano anterior. O mercado británico sitúase así como o quinto en número de peregrinos internacionais.

Comparte este artigo