- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes asinou un convenio co presidente da Asociación de Criminólogos de Galicia para impartir estas actividades no caso dos delitos contra a seguridade no tráfico
- O obxectivo é garantir unha xustiza real e efectiva, con resultados que beneficien o conxunto da cidadanía
A Xunta e a Asociación de Criminólogos de Galicia (Criga) colaborarán no desenvolvemento de obradoiros de sensibilización en seguridade viaria para impulsar o cumprimento das penas de traballo en beneficio da comunidade no caso dos delitos contra a seguridade no tráfico. Así se estableceu no convenio formalizado hoxe entre o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e o presidente da entidade, Felipe Miguel Pavón. Segundo o acordo, a Xunta compensará a Criga pola execución destes obradoiros con preto de 17.000 euros.
A medida enmárcase no obxectivo de garantir unha xustiza real e efectiva, con resultados que beneficien o conxunto da cidadanía. Impúlsase así a reeducación e readaptación das persoas infractoras, a prevención e redución de condutas delituosas, a diminución da litixiosidade, a redución dos custos relacionados con estes procedementos xudiciais e un cumprimento efectivo das penas impostas, dirixíndoas á reeducación e reinserción social, seguindo o mandato constitucional.
Neste marco de acción, a Asociación de Criminólogos de Galicia ten prevista a realización de novos talleres de sensibilización, en colaboración coas institucións penitenciarias da Coruña e de Ourense. Os obradoiros terán unha duración de 32 horas e realizaranse durante 8 xornadas. Co obxectivo de facilitarlles a asistencia ás persoas penadas, impartiranse nas mañás dos sábados.
Cómpre sinalar que Criga leva xa 15 anos organizando e impartindo este tipo de talleres en Galicia, cumprindo cunha función social vital, promovendo a inclusión social das persoas infractoras e das vítimas, mellorando a calidade de vida das persoas máis vulnerables e fomentando a participación cívica e o espírito de solidariedade.
A iniciativa responde ademais á necesidade de asumir a execución das penas non privativas de liberdade que non está xestionando o Estado, competente na materia. Esta realidade levou á Xunta a impulsar acordos de colaboración con entidades sociais como é o caso do asinado hoxe ou existente coa Asociación Érguete para favorecer a formación e integración social das súas persoas usuarias.