- O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitará Miami o vindeiro 24 de setembro, onde se reunirá con persoas da colectividade galega e de empresas galegas radicadas en EEUU
- O 26 e 27 de setembro continuará a axenda en Newark e Nova York con distintas visitas e xuntanzas con entidades da diáspora galega presentes nestas cidades
- Esta viaxe enmárcase na necesidade de manter o contacto cos galegos do exterior e tamén no desenvolvemento da Estratexia Galicia Retorna, tendendo pontes con EEUU e promovendo a imaxe de Galicia como terra de oportunidades
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, viaxará a Miami, Newark e Nova York a vindeira semana co obxectivo de coñecer de primeira man as demandas e propostas da comunidade galega residente en Estados Unidos, trasladarlle o apoio do Goberno autonómico e continuar difundindo as oportunidades que brinda Galicia para o retorno.
Trátase da primeira viaxe que realiza o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración a este país desde a súa chegada ao cargo e empezará en Miami o 24 de setembro. Alí o conselleiro manterá un encontro con socios da Casa de Santa Marta de Ortigueira e posteriormente reunirase co conxunto da colectividade e con representantes de empresas galegas radicadas en Estados Unidos.
O 26 e o 27 de setembro continuará a axenda institucional en Newark e Nova York. En concreto, o 26 de setembro o conselleiro visitará o Centro Ourensán de Newark, en Nova Jersey, e manterá un encontro cos seus representantes. Este mesmo día tamén visitará o Club España de Newark.
Ademais, o 27 de setembro, José González, reunirase en Nova York coas directivas das entidades galegas e españolas dos estados de Nova York e Nova Jersey e participará no acto que conmemorará o 85.º Aniversario de Casa de Galicia de Nova York, fundada en 1940 co fin de preservar e promover a cultura e tradicións galegas nesta zona e que é punto de encontro para as xeracións de galegas e galegos e dos seus descendentes.
Compromiso coa comunidade galega en EEUU
Esta viaxe a EEUU enmárcase na necesidade de manter o contacto cos galegos do exterior e no desenvolvemento da Estratexia Galicia Retorna. O seu obxectivo é seguir fortalecendo as pontes con Galicia, así como promover a imaxe da comunidade autónoma galega como unha terra de oportunidades, tanto para o emprego por conta propia como allea, e para construír un proxecto de vida. Con ela, o Goberno galego tamén busca reforzar as canles de colaboración para apoiar ás persoas galegas residentes en EEUU.



