HomeXunta de GaliciaA Xunta inclúe no Catálogo de Bens de Valor Cultural no Litoral...

A Xunta inclúe no Catálogo de Bens de Valor Cultural no Litoral un total de 102 elementos identificados na Costa da Comarca da Coruña

- Anuncio -spot_img

— De todas as construcións costeiras inventariadas nesta zona, case un 60% poderían ter novos usos compatibles coa conservación dos seus valores orixinais

— O catálogo sométese desde hoxe ao trámite de información pública e a partir de mañá os interesados poderán enviar as súas achegas e alegacións ao texto orixinal

A Xunta somete desde hoxe a información pública o novo Catálogo de bens de valor cultural no litoral, un documento que identifica un total de 102 elementos na costa da comarca da Coruña que destacan polo seu valor patrimonial, arquitectónico ou cultural, entre outros.
De todos os inmobles inventariados nesta zona, un total de 61 (é dicir, o 59,8%) pertencen ás categorías de bens arquitectónicos ou industriais polo que poderían ter outros usos a futuro compatibles coa súa conservación e protección.
Aínda que non se materialice en todos os casos, esta vía abre novas posibilidades para a recuperación dalgúns destes bens —entre os que hai faros, muíños, antigas fábricas e outros edificios de carácter industrial— mediante a execución de proxectos que sexan compatibles e respecten os valores e características que precisamente lle valeron a súa catalogación. Ademais, este tipo de iniciativas tamén poden contribuír ao desenvolvemento sostible da costa e con el, á súa revitalización.
Cómpre lembrar que o Catálogo de bens de valor cultural do litoral é unha das primeiras medidas estratéxicas impulsadas pola Xunta en aplicación da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga), que inclúe dentro das actuacións clave para o desenvolvemento sostible da costa aquelas intervencións destinadas a poñer en valor o patrimonio cultural existente a pé de mar.
Neste sentido, trátase dunha ferramenta inédita en Galicia que permitirá dar un salto cualitativo na xestión do patrimonio costeiro xa que impulsará a rehabilitación e posta en valor de bens ligados ao mar cun valor arquitectónico, histórico, cultural ou industrial co fin de darlles unha segunda vida.
Un total de 1.582 bens catalogados
Como punto de partida tomouse un inventario realizado polo Goberno galego no ano 2019 e no que se recollían 459 bens, elementos etnográficos e edificacións de carácter público e privado (muíños, antigas salgaduras, conserveiras…) dos que se tiña unicamente información moi básica.
A partir de aí e grazas a un exhaustivo traballo de campo realizado este verán nos 86 concellos costeiros galegos, o inventario inicial foi ampliado e enriquecido, tanto cuantitativa como cualitativamente, dando lugar ao catálogo que se someterá agora a información pública durante un mes.
Identificáronse en total 1.582 bens no litoral galego e en función das tipoloxías previstas na Lei do patrimonio cultural de Galicia, a meirande parte (630) aparecen clasificados como de tipo arquitectónico; 392 son arqueolóxicos; 348 son etnolóxicos; 182 encaixan na categoría industrial; e 12 cualifícanse como artísticos. A maiores, hai outros 18 bens incluídos no catálogo pero pendentes aínda de confirmar en cal dos grupos se clasifican, xa que poderían encaixar en varias tipoloxías.
En canto ao reparto por provincias, destaca o litoral da Coruña, que concentra 817 do total de bens de valor cultural identificados, seguida da costa de Pontevedra, con 640, e da de Lugo, con 125 elementos incluídos no catálogo.
Cómpre subliñar, ademais, que todas aquelas edificacións costeiras pertencentes ás categorías arquitectónica e industrial —un total de 812 en toda Galicia segundo consta no documento que se somete agora a información pública— serían susceptibles de solicitar un cambio de uso respecto daquel para o que foron concibidas orixinalmente sempre que sexa compatible coa súa conservación e protección.
Toda a información recompilada sobre cada un dos bens inventariados —que se presenta a través das correspondentes fichas, de forma individualizada ou agrupada segundo o caso— está xa á disposición do público en xeral no Portal de transparencia e a partir de mañá e ata o 1 de decembro os interesados poderán presentar as súas achegas e posibles alegacións ao catálogo.

CONCELLOS E BENS INCLUÍDOS NO CATÁLOGO NA COMARCA DA CORUÑA

CONCELLONº BENS CATALOGADOSNº BENS POSIBLE CAMBIO DE USO
PADERNE65
BETANZOS66
BERGONDO43
COIRÓS00
SADA104
OLEIROS2715
CAMBRE21
CULLEREDO32
A CORUÑA3925
ARTEIXO50
TOTAL10261

Publicacións Relacionadas