- Ángeles Vázquez indica que o obxectivo deste ano é superar esa cifra e consolidar esta acción como unha nova fórmula de divulgación ambiental baseada na participación, no xogo e a interacción directa coa mocidade
- A Van polo Clima tamén estará este verán noutros catro festivais, así como en 12 campamentos de ocio e tempo libre e 4 campos de voluntariado
A Xunta de Galicia puxo hoxe en marcha no festival O Son do Camiño a segunda edición da iniciativa Van polo Clima, que ten o obxectivo de sensibilizar e concienciar á mocidade sobre o quecemento global e a importancia da acción climática.
Nese senso, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o espazo de lecer instalado no Monte do Gozo como “primeira parada” desta actuación que tamén se desenvolverá ao longo de todo o verán noutros festivais que se celebran en Galicia. En concreto, a Van polo Clima estará en PortAmérica (Portas), no Atlantic Fest (Vilagarcía de Arousa), no Morriña fest (A Coruña) e no Festival de la Luz (Boimorto).
Segundo explicou Ángeles Vázquez, este stand combina divulgación e participación a través dun xogo de preguntas e respostas sobre o clima e un espazo de lecer elaborado con materiais innovadores procedentes da economía circular e fabricados en Galicia.
A maiores, a Van polo Clima tamén percorrerá 12 campamentos de ocio e tempo libre, dirixidos a rapazada de entre 9 e 17 anos, e 4 campos de voluntariado da Xunta de Galicia para persoas de entre 18 e 30 anos.
Logo de lembrar que o ano pasado esta iniciativa sumou, entre festivais, campamentos e campos de voluntariado, preto de 10.500 participantes, Ángeles Vázquez indicou que o obxectivo deste ano é superar esa cifra e consolidar a Van polo Clima como unha nova fórmula de divulgación ambiental baseada na participación, no xogo e a interacción directa coa mocidade.
De feito, esta acción enmárcase na iniciativa Mocidade polo clima, que é un programa transversal de sensibilización, formación e acción fronte ao cambio climático destinada ás persoas de entre 3 e 35 anos.

