- A infraestrutura estará na zona da Parda e ocupará unha superficie de máis de 2.500 metros cadrados na que os animais poderán correr, xogar e socializar entre eles sen necesidade de levar correas ou bozos
- O acordo establece que o Executivo autonómico é o encargado da redacción do proxecto e da súa execución, mentres que o local facilitará tanto os terreos como os permisos e asumirá o seu mantemento e explotación unha vez finalizado
- Ángeles Vázquez destaca que a Administración galega dá así un paso máis no seu compromiso de dotar as sete cidades galegas de espazos deste tipo pois, unha vez rematado o de Ferrol, avánzase na concreción dos de Ourense, Lugo e Santiago
- A estas actuacións engádese a previsión de iniciar este ano a construción do Centro de Protección Animal en Curtis, con capacidade para acoller arredor 500 cans e gatos abandonados, extraviados ou vagabundos dos concellos con menor poboación
- Estas medidas para mellorar o benestar dos animais de compañía engádense ás axudas de 2026 para concellos e protectoras para o coidado de exemplares abandonados así como para impulsar a adopción, cun orzamento de máis de 1,3 M€ e todas co prazo de solicitude aberto ata o vindeiro mes de setembro
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaron hoxe o protocolo de colaboración para o fomento do benestar animal que se concreta na construción dun gran parque canino na cidade. Esta infraestrutura, que estará na zona da Parda e ocupará unha superficie de algo máis de 2.500 metros cadrados, contará cun investimento de preto de 100.000 euros coa previsión de que poida estar operativa antes de que remate este mesmo ano.
De feito, o acordo terá vixencia ata o 31 de decembro de 2026 e nel establécese que a Xunta se encarga da redacción do proxecto e da construción do parque, mentres que o Goberno local pon a disposición os terreos, facilitará os correspondentes permisos municipais e, unha vez executado, farase cargo do seu mantemento e explotación.
A responsable autonómica, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, salientou que a Xunta dá así un paso máis no seu compromiso de dotar as sete cidades galegas cun gran parque canino para mellorar a atención e benestar dos animais de compañía. Non obstante, e dado que algunhas grandes urbes non mostraron interese nesta posibilidade, o Executivo galego xa está en contacto con concellos máis pequenos co fin de avaliar a posibilidade de estender esta iniciativa a outras localidades.
Neste sentido, o parque previsto en Pontevedra -ao igual que o xa rematado en Ferrol- contará con áreas de lecer nas que os cans poderán correr, xogar e socializar sen necesidade de levar correas ou bozos. De feito, disporá dunha serie de comodidades como unha área de xogo con obstáculos e ramplas para que poidan exercitar as súas habilidades físicas, fontes de auga adaptadas para cans, un espazo amplo para que poidan pasear libres e mesmo unha zona de lavado con baño e mesa de aseo.
A maiores, entre outros equipamentos, contará con papeleiras e dispensadores de bolsas hixiénicas, portas de seguridade dobres para que as entradas e saídas se realicen con maior seguridade, plantas e árbores para dar sombra no verán, boa iluminación e bancos para as persoas propietarias. Trátase de elementos fundamentais para mellorar o benestar dos animais e que os donos poidan cumprir máis facilmente coa obriga legal de proporcionarlles o necesario exercicio físico e descanso de acordo coas súas necesidades así como unha contorna libre de estrés.
Pontevedra contará así este ano con novas instalacións a disposición dos animais de compañía, uns espazos especialmente necesarios nun concello no que hai rexistrados máis de 18.000 cans -máis de un por cada cinco persoas-, sendo a quinta urbe de Galicia con maior número, por detrás de Vigo, A Coruña, Lugo e Ourense.
En canto ao obxectivo de contar cun parque canino en cada cidade, a conselleira explicou que, ademais do de Ferrol -xa rematado- e deste, se está a avanzar na concreción dos de Ourense, Lugo e Santiago co fin de buscar o mellor emprazamento para a creación destes espazos dentro do seu territorio. A maiores, estúdase a posibilidade de levar estas infraestruturas a concellos máis pequenos como Ribeira ou Oroso, que xa manifestaron o seu interese en dispoñer de instalacións deste tipo co apoio da Xunta.
Centro de protección animal
Na mesma liña, de mellorar o benestar animal e a protección dos animais de compañía, a Xunta tamén ten previsto iniciar este ano as obras do Centro de Protección Animal de Galicia, o primeiro público de carácter autonómico, no que se investirán 4,5 millóns de euros e contará con capacidade para acoller arredor de 500 animais de compañía abandonados, extraviados ou vagabundos.
Este complexo construirase no concello coruñés de Curtis e ten como obxectivo reforzar a nivel autonómico o labor das administracións locais e as entidades sen ánimo de lucro. O inmoble dará apoio aos municipios con menos poboación -inicialmente aos de menos de 5.000 habitantes- pois son os que teñen máis dificultades para dispor dos medios necesarios para asumir de maneira satisfactoria estas tarefas de acollemento dos animais abandonados e cumprir coas obrigas legais establecidas.
O centro contará cunhas instalacións completas con múltiples dependencias como áreas de corentena para cans e gatos, zonas de maternidade, illamento infeccioso, hospitalización, separación de animais agresivos ou mantemento de exemplares, ás que se engaden un módulo veterinario con consultas específicas de gatos e cans, sala de hixiene, un quirófano e unha sala de radioloxía.
En canto a área administrativa, incluirá espazos como vestiarios, sala de persoal, almacéns de residuos e material así como de alimentos, lavandería e cuarto de instalacións, entre outros, e na zona de acceso público haberá áreas como vestíbulo, recepción e centro de control, aula de formación, despachos e aseos públicos.
Outras medidas
Estas novas instalacións proxéctanse coa vocación de servir de reforzo e apoio ao labor desempeñado a nivel autonómico polos centros de recollida de animais abandonados xestionados por entidades locais e asociacións sen ánimo de lucro, especialmente naqueles concellos de menor número de habitantes e que non dispoñen dos medios necesarios para asumir de maneira satisfactoria estas tarefas.
Ángeles Vázquez salientou que son medidas que se enmarcan no compromiso do Executivo galego co benestar animal, para o que tamén renovou este ano os apoios aos concellos e asociacións protectoras para o coidado, manutención e atención dos animais domésticos de compañía abandonados así como para o fomento das adopcións.
En concreto, convocou a comezos deste ano dúas ordes de achegas con este fin ás que se suman tamén as de fomento das adopcións que, por terceiro ano consecutivo, están dirixidas a particulares co fin de cubrir os primeiros gastos sanitarios e de identificación de cans e gatos acollidos nalgún dos centros e protectoras autorizados en Galicia e que atopen un novo fogar. O orzamento total entre as tres ordes de axudas convocadas este ano supera os 1,3 millóns de euros e, en todas, o prazo de solicitude aínda está aberto ata o vindeiro mes de setembro.
O fin último é erradicar o problema do abandono e maltrato animal cunha maior sensibilización da cidadanía sobre a tenza responsable e buscando unha resposta cada vez máis positiva cara á adopción dos animais atendidos nalgún dos centros existentes en distintos puntos da comunidade.
Neste sentido, o abandono dos animais pode orixinar graves problemas de benestar, sanidade, seguridade pública e viaria, así como ambientais polo que é fundamental que desde as administracións se sigan dando pasos para avanzar na liña da Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, unha norma pioneira no seu día, que combate o maltrato en calquera das súas formas e promove o abandono cero mediante a adopción e a concienciación da sociedade.

