A Xunta investiu 771.000 euros na reforma do Centro de Interpretación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés para reducir o consumo enerxético máis dun 30%

Redacción
Lectura mínima de 6
  • Ángeles Vázquez salienta que as obras permitiron contar cun inmoble con menor impacto ambiental xa que utiliza fontes de enerxía renovables, consume menos recursos e xera menos emisións
  • As actuacións supuxeron a mellora do illamento térmico da envolvente -en fachadas e cuberta-, a instalación de ventilación mecánica con recuperación de calor ou a substitución da carpintaría exterior do inmoble para colocar unha de alta eficiencia
  • Os traballos tamén incluíron a colocación dunha bomba de calor por aerotermia en substitución da caldeira de gasóleo, iluminación LED con control de intensidade e placas solares fotovoltaicas para a xeración de enerxía eléctrica renovable
  • A conselleira comprobou a entrada en funcionamento definitiva do museo virtual deste parque natural, que busca mostrar o seu patrimonio natural, ambiental e cultural á cidadanía que non pode achegarse fisicamente

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o centro de interpretación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, no que a Xunta investiu preto de 771.000 euros para a súa rehabilitación enerxética co fin de reducir o consumo, como mínimo, un 30%.

A responsable autonómica puxo en valor que as obras permitiron contar cun inmoble con menor impacto ambiental xa que utiliza fontes de enerxía renovables, consume menos recursos e xera menos emisións.

As actuacións no edificio consistiron en melloras técnicas co fin de mellorar a súa eficiencia e optimizar o seu confort térmico. Entre elas estiveron intervencións para un mellor illamento térmico da envolvente -tanto das fachadas como da cuberta-, a instalación de ventilación mecánica con recuperación de calor ou a substitución da carpintaría exterior do inmoble para colocar unha de alta eficiencia enerxética.

A maiores, os traballos incluíron a instalación dunha bomba de calor por aerotermia e sistema para o seu funcionamento que sirva para mellorar a climatización frío-calor do centro eliminando a caldeira de gasóleo, a substitución da iluminación por unha enerxeticamente eficiente con LED e control da súa intensidade e a colocación de placas solares fotovoltaicas para a xeración de enerxía eléctrica renovable.

A conselleira salientou que estas obras se enmarcan na estratexia global de mellora de infraestruturas nos espazos naturais protexidos de Galicia, que ten como obxectivo dinamizar o territorio e poñer en valor os recursos naturais da comunidade. Ademais, son actuacións desenvolvidas ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, dentro do Programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos (Pirep).

As instalacións, nas que se desenvolveron os traballos durante 2025, volven estar operativas desde o pasado mes de febreiro para prestar o servizo de atención ao público que visita o parque natural e reforzar o compromiso coa conservación do patrimonio natural e coa promoción dun modelo de turismo sostible nun espazo máis moderno, eficiente e adaptado ás necesidades actuais.

O centro de interpretación ofrece información aos visitantes sobre o parque natural e sobre as distintas localidades da contorna, así como das 11 rutas que atravesan o territorio deste espazo protexido. De feito, conta con todo tipo de material informativo e divulgativo así como recursos audiovisuais que permiten aos usuarios coñecer os atractivos existentes nas proximidades.

Museo virtual

Ángeles Vázquez tamén comprobou durante a súa visita a entrada en funcionamento de forma definitiva -tras un período de probas- do museo virtual do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Deste xeito convértese no segundo espazo protexido da comunidade -tralo Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán- que conta con esta experiencia virtual interactiva para achegar o patrimonio natural, ambiental e cultural á cidadanía a través das últimas tecnoloxías.

Esta iniciativa busca que as persoas usuarias poidan percorrer as paisaxes e espazos do parque, coñecer as especies e os hábitats más representativos, descubrir a historia do territorio e comprender mellor en que momento se declararon estes espazos e por que son tan valiosos para o medio ambiente.

A conselleira subliñou que o obxectivo é poder visitar e explorar este parque natural desde calquera lugar, sen límites físicos e combinando divulgación científica e contidos culturais. De feito, agárdase que estes museos virtuais contribúan a espertar a curiosidade, a animar a coñecer, respectar e valorar a riqueza ambiental da comunidade, a sensibilizar sobre a importancia da súa conservación e a fortalecer o vínculo entre a sociedade galega e os seus parques naturais.

A idea é estender a creación destes museos virtuais ao resto -os seis existentes en Galicia- e que teñan o mesmo éxito que o de Corrubedo, que desde a súa posta en marcha o pasado 10 de marzo recibiu máis de 1.500 visitas.

Comparte este artigo