A Xunta inxectará 2 M€ a Universidade de Vigo para impulsar medidas de avance do Campus Crea de Pontevedra

Redacción
Lectura mínima de 4
  • Crearase un centro de investigación e darase prioridade á contratación de 10 pre e posdoutorais e tres de alto nivel, como os Ramón e Cajal
  • Impulsarase o desenvolvemento de proxectos con empresas, institucións culturais e entidades sociais que estreiten a relación do campus co ámbito cultural galego
  • Estudarase a implantación de novas titulacións no eido artístico, especialmente as que aínda non teñen presenza no Sistema Universitario de Galicia

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron esta tarde un protocolo para favorecer a acreditación de especialización do Campus CREA de Pontevedra. A través dun convenio, a Xunta inxectará á UVigo 2 M€ para o desenvolvemento dun plan de mellora no período 2026/28 con medidas deseñadas de xeito específico para que o campus acade a especialización, e que abranguen as áreas de investigación, transferencia de coñecemento, docencia e gobernanza. Esta nova achega súmase aos 1,2 M€ que a Xunta leva investidos desde 2017 neste campus.

Tal e como destacou o conselleiro, “damos o impulso definitivo para consolidar a cidade do Lérez como foco de especialización universitaria en todo o que ten que ver coa creatividade, a arte, a comunicación ou o deporte.”. “No 2023 marcamos un fito moi importante coa apertura da nova Facultade de Deseño da Universidade, co correspondente Grao en Deseño que se complementa neste mesmo Campus CREA co mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda”, detallou.

“Tamén no 2023 melloramos as instalacións da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que son un referente en toda Galicia” lembrou. “En definitiva, desde a Xunta mantemos un apoio sostido ao Campus CREA, que agora intensificamos para dar o último paso cara o seu recoñecemento como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia”, abondou.

Fincapé na investigación

O protocolo propón un plan de reforzo cunha duración de dous anos e a sinatura dun convenio cun orzamento de arredor de 2 M€, facendo fincapé na investigación. Neste ámbito prevese a creación dun centro ou instituto de investigación en Creatividade, que actúe como nodo de referencia.

Así mesmo, darase prioridade á contratación de 10 investigadores pre e posdoutorais e á incorporación doutros tres de alto nivel a través de programas como o Ramón y Cajal. Igualmente, promoverase a captación de fondos nas convocatorias competitivas.

No que atinxe á transferencia, impulsarase o desenvolvemento de proxectos con empresas, institucións culturais e entidades sociais que contribúan a estreitar a relación do campus co ámbito cultural galego e a darlle visibilidade no seu marco. De forma paralela, crearanse programas de innovación e emprendemento creativo.

Novos graos

En relación á docencia, estudarase a implantación de novos graos artísticos, especialmente aqueles non presentes no Sistema Universitario de Galicia, e desenvolverase un modelo docente interdisciplinar.

Por outra banda, mellorarase a gobernanza coa máis coordinación entre os centros e o establecemento de mecanismos de avaliación e informes periódicos.

Na actualidade o Campus CREA está integrado polas facultades de Belas Artes, Comunicación, Deseño e Ciencias da Educación e do Deporte, cun total de 2.000 alumnos, o 64% dos que ten a Universidade de Vigo en Pontevedra. Nel impártense 17 títulos, entre graos, mestrados e doutoramentos; co apoio de 200 docentes e investigadores. Neste momento conta con 12 grupos de investigación, que captaron nos últimos anos máis de 660.000 €.

Comparte este artigo