- Unha furgoneta rotulada, con zona anexa de lecer, xogos e ‘photocall’, percorrerá algúns dos principais festivais e eventos musicais que acollerá a Comunidade este verán, empezando por O Son do Camiño, así como 15 dos campamentos de ocio e campos de voluntariado que organiza o Goberno galego entre xullo e agosto
- Ángeles Vázquez explica que esta acción está deseñada para un público de ata 35 anos e busca implicar á mocidade na loita contra o cambio climático a través de información, propostas lúdicas e charlas inspiradoras de referentes neste eido
- Trátase dunha das iniciativas novidosas incluídas no programa Mocidade polo Clima da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, posto en marcha a finais do ano pasado coa previsión de chegar a arredor de 15.000 persoas mozas cada ano
A Xunta porá en marcha este mes de xuño a iniciativa divulgativa Van polo clima, de carácter itinerante e que nace co obxectivo de sensibilizar e formar a mozas e mozos de ata 35 anos sobre o cambio climático e os grandes retos asociados a este fenómeno a nivel mundial. Así o anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa visita ao CPI Atios de Valdoviño, onde salientou que nesta primeira edición a previsión é chegar a uns 5.250 rapazas e rapaces galegos.
Esta acción materialízase, entre outras cuestións, nunha furgoneta rotulada -con zona anexa de lecer, xogos e photocall– que percorrerá Galicia durante o verán para instalarse nalgúns dos principais festivais e eventos musicais da Comunidade, así como en 15 dos campamentos de ocio e campos de voluntariado que organizará o Goberno galego en xullo e agosto. Así, organizaranse actividades lúdicas, participativas e informativas nos próximos meses nunha vintena de puntos da xeografía galega.
A conselleira detallou que a actividade arrincará oficialmente no Son do Camiño, un dos festivais máis relevantes de todo o país e que celebrará a súa sexta edición no Monte do Gozo, en Santiago de Compostela, os vindeiros días 12, 13 e 14 de xuño. O obxectivo é achegar esta acción itinerante ata media ducia de eventos musicais previstos en Galicia durante o verán, para o que xa se está en contacto cos respectivos organizadores.
En canto ás accións en campamentos e campos de voluntariado, Van polo clima ten programadas un total de 15 visitas a estas instalacións en xullo e agosto, aínda que o calendario se definirá nas vindeiras semanas no marco do grupo de traballo entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (promotora e responsable da iniciativa) e a de Cultura, Lingua e Xuventude (da que depende a Campaña Acción de Verán) para canalizar a súa colaboración neste sentido.
A responsable autonómica explicou que a acción está deseñada para un público de ata 35 anos e o novo espazo itinerante Van polo clima pretende implicar á mocidade na loita contra o cambio climático poñendo á súa disposición información actualizada e relevante relacionada con este tema, actividades de carácter lúdico e distendido e charlas inspiradoras por persoas de referencia no eido do clima e da acción climática.
Neste sentido, as rapazas e rapaces que se acheguen ata o posto informativo da Xunta terán a oportunidade de participar nun concurso de preguntas e respostas baixo a premisa Que sabes sobre o clima? e que premiará cun agasallo a quen demostre os seus coñecementos sobre a temática previamente seleccionada.
Ademais, a zona de lecer que acompañará á furgoneta Van polo clima, con bancadas e elementos decorativos en 3D creados con materiais innovadores e procedentes da economía circular, creará un espazo de escoita activa e participación, onde a mocidade asistirá a charlas inspiradoras a cargo de persoal técnico de MeteoGalicia e doutros departamentos relacionados co cambio climático; así como de emprendedores e empresarios ligados tamén a este eido e adheridos á Alianza galega polo clima, iniciativa impulsada pola Xunta para buscar sinerxías público-privadas na acción climática.
Así mesmo, este novo espazo itinerante servirá para darlle visibilidade ao concepto de moza e mozo polo clima para que os asistentes poidan identificarse con el e contribúan a mitigar os efectos do cambio climático adoptando unha posición activa.
Na mesma liña, a Xunta aproveitará para promocionar entre o público ao que vai dirixido a primeira edición dos premios Mozo/a polo clima, que busca recompensar o talento xuvenil dándolle visibilidade a algunhas das súas iniciativas, proxectos e ideas no eido social e empresarial, na investigación, na cultura ou na arte e que teñan algún tipo de impacto positivo no clima da Comunidade.
Visita colexio
A visita da conselleira ao CPI Atios produciuse coincidindo coa celebración dun dos obradoiros de Inspiradores polo clima, programados ao abeiro de Mocidade polo Clima, que buscan achegar ao alumnado distintos proxectos de innovación e o talento de perfís profesionais, que están a traballar en solucións que contribúen a avanzar no camiño cara a consecución da neutralidade climática. Estas accións están dirixidas ao alumnado de Secundaria e, cun formato de entrevista, o alumnado coñece a experiencia e visión de dous profesionais de prestixio, o que garante que a actividade sexa un éxito.
Neste caso o alumnado puido coñecer unha experiencia para a busca dunha iluminación pública sostible e reducir o problema ambiental da contaminación luminosa, favorecendo a transición enerxética cara a descarbonización e o uso responsable dos recursos. O outro relator abordou a importancia da concienciación medioambiental mediante accións como a limpeza de praias e a xestión e tranformación de residuos xerando un triplo impacto: económico, social e ecolóxico.
De feito, o obradoiro do CPI Atios pecha a acción Inspiradores polo clima deste curso académico chegando a máis de 450 alumnas e alumnos de Secundaria e tamén ao estudantado de educación especial de catro centros educativos.
Máis de 14.000 participantes en Mocidade polo Clima
Van polo clima será a próxima iniciativa en poñerse en marcha no marco do programa Mocidade polo Clima, que naceu a finais do ano pasado coa previsión inicial de formar, informar e mobilizar fronte ao cambio climático cada ano a máis de 15.000 galegos de entre 3 e 35 anos, para o que inclúe diversas liñas de acción e iniciativas novidosas coas que se busca fomentar o seu talento, capacidade de innovación e solidariedade.
Na práctica, estase a desenvolver como unha estratexia integral dividida en tres eixos de actuación complementarios: formación desde a etapa de educación infantil ata a universitaria; información e divulgación canalizada vía visitas e eventos con relatores de referencia na materia; e acción polo clima, a través do fomento da participación activa e do compromiso da mocidade.
En total, e tendo en conta as actividades desenvolvidas ata o momento baixo o paraugas de Mocidade polo Clima, xa son máis de 14.100 as rapazas e rapaces en etapa escolar que se beneficiaron deste programa desde a súa posta en marcha, en novembro de 2024.
Neste sentido, co impulso da nova iniciativa itinerante Van polo clima a Xunta agarda que Mocidade polo Clima supere con creces no seu primeiro ano a previsión inicial de chegar a máis de 15.000 mozas e mozos galegos a través dalgunha das súas accións formativas e dinamizadoras.

