HomeXunta de GaliciaA Xunta lembra que a partir de mañá os emigrantes galegos retornados...

A Xunta lembra que a partir de mañá os emigrantes galegos retornados poderán solicitar as axudas ao autoemprego e actividade emprendedora

- Anuncio -spot_img

— O prazo de solicitudes destes apoios publicados esta semana no DOG prolongarase ata o 30 de setembro de 2026, a eles o Goberno galego destina máis de 1 M€ e enmárcanse na Estratexia Galicia Retorna e tamén na Estratexia de emprendemento

— As achegas van desde os 6.000 euros e poden chegar ata os 10.000 euros cando a persoa solicitante é muller e o seu centro de traballo está situado nun municipio rural

— Desde a súa posta en marcha apoiáronse nuns 200 concellos galegos máis de 1.000 proxectos de persoas cunha media de idade de 41 anos e procedentes de máis de 40 países, destacando, entre outros, Suíza, Reino Unido, Alemaña, Arxentina e Cuba

— Súmanse a outras axudas como as extraordinarias ao retorno para apoiar ás galegas e galegos retornados nos gastos iniciais derivados do seu regreso a Galicia, o Retorna Cualifica Emprego ou as bolsas BEME para a atracción de talento cualificado

A Xunta lembra que a partir de mañá luns e ata o 30 de setembro de 2026 as persoas emigrantes galegas retornadas poderán solicitar os apoios autonómicos destinados a promover o autoemprego e a actividade emprendedora deste colectivo. A convocatoria deste ano publicouse esta semana no Diario Oficial de Galicia e a ela o Goberno galego destina un crédito inicial de máis dun millón de euros, que permitirá apoiar a posta en marcha duns 150 proxectos con achegas de entre 6.000 e 10.000 euros.
Esta medida permite promover o autoemprego como unha vía viable de retorno aos galegos e galegas do exterior e encádrase na Estratexia Galicia Retorna e tamén na Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, actualmente en período de consultas con todo o sector e dirixida a fixar actividade económica no rural.
De feito, desde a súa posta en marcha no ano 2013, estas achegas permitiron apoiar en arredor de 200 concellos galegos máis de 1.000 proxectos de persoas cunha media de idade de 41 anos e procedentes de máis de 40 países, destacando entre eles Suíza, Reino Unido, Alemaña, Francia, Arxentina, Cuba, Venezuela, Uruguai e o Brasil. Ademais, no último ano acadaron unha media de 8.000 € por beneficiario.
Ademais, estes apoios a persoas retornadas poñen o foco no rural, pois o importe mínimo da achega de 6.000 € amplíase en 3.000 € cando o centro de traballo está situado nun concello rural. Ademais, no caso de que a persoa solicitante sexa muller, a contía sobe en 1.000 €. En concreto, destínanse ás persoas galegas que regresan á súa terra de orixe, xa fosen nadas na Galicia territorial ou nos seus países de destino, e teñen como fin poder sufragar gastos orixinados pola posta en funcionamento dun negocio.
Outros apoios ao retorno
A estas achegas súmanse outras tamén integradas na Estratexia Galicia Retorna, como as extraordinarias ao retorno para apoiar ás galegas e galegos retornados nos gastos iniciais derivados do seu regreso a Galicia, das que a convocatoria de 2026 está aberta ata o 30 de setembro de 2026 e conta cunha dotación de 2,5 M€. Outros incentivos dirixidos a este colectivo son os programas de apoio ao emprego por conta allea —como o Retorna Cualifica Emprego— ou as bolsas BEME para a atracción de talento cualificado, actualmente abertas, así como o acompañamento permanente que prestan ao longo de todo o proceso as Oficinas de Retorno con sede nas principais cidades galegas, e tamén, nunha oficina móbil que percorre toda Galicia.
Esta batería de medidas exemplifica o modelo de captación de talento ordenado, planificado e integral impulsado pola Xunta e contribúe a potenciar Galicia como terra de oportunidades tal e como reflicten os últimos datos recollidos na Estatística de Migracións e Cambios de Residencia de 2024 do Instituto Nacional de Estatística (INE). Nela vese a consolidación das cifras históricas de retorno, con preto de 8.500 persoas procedentes do exterior que regresaron a Galicia —o 85 % menores de 65 anos e o 57 % menores de 45—, así como un saldo migratorio positivo histórico de 30.325 persoas.

Publicacións Relacionadas