A actuación conlevará a remodelación do edificio de cociñas do centro e permitirá avanzar na estratexia de sostilibilidade
A Xunta de Galicia vén de publicar este venres na plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación para a obra de mellora de eficiencia enerxética do edificio de cociñas do Centro Superior de Hostalería de Galicia. Esta actuación alíñase coa estratexia do Goberno galego de apostar por un turismo sostible e respectuoso co medio ambiente, á vez que favorece as infraestruturas para avanzar na súa profesionalización.
O obxecto do proxecto é levar a cabo unha redistribución dos espazos en ambas plantas do edificio de cociñas do CSHG, a través da que se espera conseguir un aforro enerxético maior ao 30% do consumo inicial de enerxía primaria non renovable.
Ademais de adaptar as instalacións ás novas necesidades de funcionamento actuais e futuras desde o punto de vista da formación e docencia, quérese optimizar e substituír as vellas instalacións por unhas novas e máis eficientes enerxeticamente. Deste modo, mellorarase o confort e habitabilidade interior de forma substancial.
Para iso, dotarase á cámara de aire do edificio dun illamento térmico e substituiranse elementos como o illamento da cuberta e o sistema de climatización e renovación de aire. Tamén se cambiarán as caldeiras de gas por bombas de calor para ACS e calefacción por radiadores, e renovarase a iluminación led actual para integrar un novo sistema led con control adaptada ás novas necesidades funcionais.
Segundo queda recollido no procedemento publicado hoxe, o orzamento base de licitación da obra é de 3.998.954,76€. A actuación está cofinanciada pola Unión Europea nun 60%, no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027. O prazo para a presentación de ofertas remata o día 5 de xuño ás 14,00 horas.

