- Xunto ao novo itinerario peonil e ciclista, habilitarase unha glorieta para mellorar a seguridade viaria nesta contorna da parroquia de Marcón
- Allegue destaca a aposta da Xunta pola mobilidade segura e sostible e subliña que a nova senda mellorará o acceso a equipamentos situados na parroquia como o centro escolar, a igrexa ou o polideportivo
- As empresas poderán presentar ofertas ata o 20 de xullo para executar esta actuación, que será financiada con fondos europeos FEDER
A Xunta licitará o vindeiro luns, 22 de xuño, as obras da nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-542 en Marcón, no concello de Pontevedra. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, avanzou hoxe a actuación, que suporá un investimento de 1,4M€ e será financiada con fondos europeos FEDER.
Este novo itinerario peonil e para ciclistas non deportivos, de case un quilómetro de lonxitude, permitirá conectar os núcleos da Ermida, Pazos e Marcón, e Allegue subliñou que mellorará o acceso aos equipamentos situados na contorna, como o colexio, a igrexa ou o polideportivo desta parroquia pontevedresa.
Enmarcou esta intervención no compromiso da Xunta pola mobilidade sostible e segura, e destacou que, ademais da senda, a actuación na PO-542 inclúe tamén a habilitación dunha glorieta, con 30 metros de diámetro exterior, para mellorar a seguridade viaria e a fluidez do tráfico neste punto.
O proxecto inclúe tamén intervencións complementarias, como a eliminación de carrís centrais de espera para xiros á esquerda, a mellora das interseccións existentes, a creación de espazos de aceleración e desaceleración nos accesos, así como a habilitación de dous novos refuxios para usuarios do autobús.
As empresas terán de prazo ata o 20 de xullo para presentar ofertas e Allegue indicou que se axilizará no posible a tramitación para a adxudicación dos traballos, que terán posteriormente un prazo de execución de 18 meses.
Lembrou así mesmo outras actuacións de sendas xa executadas no concello, como as de Xeve, así como a que se executa entre Mollavao e Os Praceres na actualidade. “Continuaremos dando pasos nestas sendas que contribúen á nosa Galicia Calidade”, apuntou.

