O contrato, cunha duración de dous anos prorrogable de forma excepcional por outros nove meses, inclúe a operación, mantemento e limpeza das tres instalacións, así como a distribución e comercialización do compost elaborado a partir da materia orgánica
A Xunta de Galicia, a través da empresa pública Sogama, licitou esta semana por un importe inicial de 4.247.900 euros, IVE incluído, a xestión integral das plantas de biorresiduos de Cervo (Lugo), Verín (Ourense) e Vilanova de Arousa (Pontevedra).
O contrato, con dous anos de duración e unha prórroga excepcional de nove meses, inclúe a operación, mantemento e limpeza destas tres instalacións —propiedade de Sogama—, cuxa función é elaborar compost de calidade a partir da materia orgánica depositada polos cidadáns nos contedores marróns municipais. O prazo para poder presentar ofertas estará aberto ata o próximo 1 de abril.
O proceso industrial contemplará as fases de pretratamento, fermentación, maduración e afino, conforme aos manuais de operación dos distintos equipos e atendendo ás indicacións dos fabricantes, debendo asumir tamén a firma que resulte adxudicataria a distribución e comercialización do abono resultante.
Sogama prevé que a xestión integral destas plantas, cunha capacidade conxunta para tratar 21.000 toneladas de materia orgánica e 7.000 toneladas de estruturante —restos vexetais secos procedentes de podas, por exemplo— dea comezo unha vez conclúa a súa fase de posta en marcha, actualmente en mans das empresas adxudicatarias da súa construción. Neste sentido, o calendario que se manexa é o próximo 1 de xuño para a de Cervo; o 1 de xullo no caso da de Verín; e o 2 de novembro para a de Vilanova de Arousa.
Rede de infraestruturas con 17 instalacións
Cómpre lembrar que Sogama, por encargo da Xunta, completou no ano 2023 unha rede pública de infraestruturas para a valorización da materia orgánica, conformada por estas tres instalacións de biorresiduos (Cervo, Verín e Vilanova), ademais da de Cerceda, e 13 plantas de transferencia de apoio ás que se dotou dunha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica desde os camións de recollida municipal, sendo esta transportada á planta pública máis próxima.
O obxectivo co que se impulsou esta rede era axudar ás entidades locais a dar debido cumprimento á lexislación vixente e propiciar que a práctica totalidade dos municipios adheridos a Sogama (295) dispuxesen dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.
Para levar a cabo este labor, a empresa pública realizou un investimento de 45 millóns de euros, dos cales 30 millóns de euros procederon dos Fondos FEDER REACT-EU como resposta da Unión Europea á crise da Covid-19.