- A zona abarca dous ámbitos de actuación: unha ampla zona aberta a carón do adro da igrexa parroquial e un treito da vía de acceso a Vila de Abaixo
- As obras prevén habilitar un espazo para uso e desfrute da veciñanza no entorno da igrexa, aumentando o espazo peonil existente coa creación dunha plataforma única e mellorando a eficiencia enerxética coa substitución das luminarias actuais
- As intervencións forman parte do Plan Hurbe, programa da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para apoiar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou por un importe de 326.500 euros as obras de recuperación de espazo para uso peonil no entorno da Igrexa de Santa María de Sacos, no concello de Cerdedo-Cotobade.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación, establecendo un prazo de presentación de ofertas que finalizará o vindeiro 25 de agosto.
Esta intervención enmárcase no coñecido Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, centrándose neste caso a obra na humanización do ámbito público que hai diante de Santa María de Sacos.
A actuación prevista no contrato que se licita na parroquia de Santa María de Sacos, localízase no lugar da Vila de Abaixo, concretamente no entorno da igrexa parroquial, cemiterio parroquial, reitoral e casa do pobo veciñal, atopándose emprazada no ámbito do núcleo rural de Cotobade.
Trátase de crear un espazo para uso e desfrute da veciñanza no entorno da igrexa de Santa María de Sacos, aumentando o espazo peonil existente coa creación dunha plataforma única e mellorando a eficiencia enerxética coa substitución das luminarias actuais.
O Goberno galego cofinanciará nun 70% estas intervencións, achegando un investimento de 260.911 € euros, e o Concello de Oroso achegará o 30%.
O departamento que dirixe María Martínez Allegue a Xunta mantén o impulso na continuada colaboración coas entidades locais para a execución de obras e outras actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
Ademais, a través doutras medidas e liñas de colaboración como este Plan Hurbe, o Goberno galego contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao convertérense en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.