HomeXunta de GaliciaA Xunta mantén a aplicación das bonificacións do transporte público nos servizos...

A Xunta mantén a aplicación das bonificacións do transporte público nos servizos marítimos da ría entre Vigo e O Morrazo, nos que viaxaron máis de 617.000 usuarios no primeiro semestre deste ano

- Anuncio -spot_img

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto coa directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, salientou hoxe que a Xunta seguirá aplicando as bonificacións do transporte público autonómico en servizos marítimos da ría de Vigo, malia que o Estado os exclúe dos descontos.

Nunha viaxe para comprobar o funcionamento do transporte de ría que funciona nos corredores marítimos de Vigo con Cangas e con Moaña, destacou a importancia destes servizos nos que viaxaron no primeiro semestre deste 2025 máis de 617.000 usuarios, un 4,5% máis que no mesmo período do ano anterior, dos que máis de 460.500 corresponden ao traxecto realizado hoxe entre Vigo e Cangas. O ano pasado empregaron este transporte de ría entre Vigo e O Morrazo máis de 1,4 millóns de persoas e desde a posta en marcha do servizo en 2015, máis de 11,4 millóns.

Neste servizo, a Xunta continúa asumindo a totalidade da bonificación polo uso da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG) que, desde o pasado 1 de xullo, pasou do 50% ao 40%, tras reducir o Estado a súa parte da achega dun 30% a un 20%, mentres que a Xunta mantén o 20% que viña asumindo. Deste xeito, seguiranse equiparando os descontos nos servizos marítimos co resto do transporte metropolitano. Neste sentido, cómpre aclarar que, a diferenza do que acontece coas bonificacións pola minoración adicional no transporte interurbano por estrada no que o Estado asume unha parte, nos corredores marítimos o desconto é asumido íntegra e voluntariamente pola Xunta, ao non estar previsto polo Estado.

As bonificacións abonadas ás navieiras pola Xunta e os concellos co obxectivo de integrar este servizo na Área de Transporte Metropolitano (ATM) están instrumentalizadas mediante unha compensación por viaxeiro para cada un dos corredores. O Goberno galego asume directa e integramente outro tipo de bonificacións nos corredores marítimos de Cangas e Moaña como a bonificación polo uso da Tarxeta Xente Nova e a tarifa +65, que permite aos menores de 21 anos e maiores de 65 anos, respectivamente, viaxar de forma gratuíta no transporte público interurbano autonómico, e as bonificacións sobre o prezo a pagar coa TMG. No primeiro semestre de 2025, a Xunta financiou con máis de 390.000 euros a aplicación do desconto do 50% -que pasou en xullo ao 40%-para viaxes pagadas coa TMG no transporte de ría, un 5,5% máis que o mesmo período do ano anterior. En 2024, o importe financiado supera os 830.000 euros, un 24% superior ao aportado en 2023.

Diego Calvo destacou que o transporte marítimo entre O Morrazo e Vigo, que se atopa integrado na ATM de Vigo a través dos convenios asinados entre a Xunta e as navieiras, ten unha importancia moi destacada no transporte público da área, posto que na contorna da ría son moitos os desprazamentos que se realizan por mar. En 2024, dos preto de 1,7 millóns de usuarios que viaxaron entre Cangas ou Moaña e Vigo en transporte público, máis do 80% empregou o transporte de ría. No que vai de 2025, dos máis de 780.000 usuarios que fixeron estes desprazamentos, tamén oito de cada dez o fixo por transporte de ría, cunha demanda similar ao exercicio anterior.

Ademais, os servizos marítimos entre O Morrazo e a cidade levaron o ano pasado o 38% do total de máis de 3,7 millóns de usuarios do transporte público na ATM de Vigo. E, de xaneiro a xuño de 2025, transportaron o 35% do total dos 1,7 millóns de usuarios da ATM de Vigo rexistrados neste período.

O conselleiro de Presidencia lembrou que, grazas á adhesión das navieiras á ATM de Vigo, os usuarios dos servizos marítimos teñen os mesmos descontos que o transporte metropolitano e viaxar a prezo bonificado pagando coa TMG. Nesta liña, cómpre lembrar que, a diferenza doutras áreas de transporte metropolitano vixentes na comunidade, os usuarios non contan con transbordos bonificados co autobús urbano en Vigo pola negativa do Concello de integrarse na ATM.

Por outra parte, o conselleiro sinalou que desde o pasado 1 de xullo a Xunta ampliou a oferta de servizos de transporte interurbano no concello de Cangas para atender nos meses de verán a maior demanda. Así, habilitouse un autobús adicional de luns a venres para prestarlle servizo ás zonas de praias. Ademais, incorporouse un novo servizo desde Bueu a última hora da tarde para mellorar a mobilidade entre ambos municipios.

Estas medidas forman parte dos reforzos da Xunta para este verán co obxectivo de darlle resposta ao incremento de desprazamentos na época estival a espazos naturais; festas, verbenas e festivais; ou a praias e parques acuáticos. Isto supón activación de 22.000 servizos específicos nun total de 90 liñas en toda Galicia. Así, por exemplo, tamén se reforzan os autobuses na comarca no Salnés e a súa conexión con Pontevedra; os servizos nocturnos nas fins de semana para poder desprazarse nos traxectos Marín-Pontevedra, Baiona-Vigo e o corredor O Grove-Sanxenxo-Pontevedra, e aqueles especialmente indicados para atender as demandas dos peregrinos. Tamén se realizaron, por exemplo, servizos e axustes nas Rías Baixas, en concreto, na Illa de Arousa cunha liña de interese municipal (SIMU) para atender a demanda, ao igual que en Nigrán e Sanxenxo.

Publicacións Relacionadas