Ángeles Vázquez compromete o apoio da Consellería ao congreso que o sector do paisaxismo e da xardinería teñen previsto celebrar en 2026 en Galicia
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e representantes da Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) acordaron hoxe avaliar fórmulas para acadar unha xestión circular da biomasa vexetal xerada polos concellos e por empresas do sector.
Durante unha reunión que se celebrou esta mañá en Santiago de Compostela, a conselleira e o presidente de Agaexar, Víctor Pérez, coincidiron na necesidade de avanzar cara a unha mellor xestión dos residuos de podas e rozas municipais, de particulares e das empresas de xardinería, florerías, etc.
Nese senso, Agaexar presentou a Ángeles Vázquez unha iniciativa que apela á colaboración municipal xa que propón que os concellos faciliten un recinto apropiado no que depositar estes residuos -as follas que recollen os servizos municipais nas rúas ou os descartes das florerías, entre outros- e, a continuación, Agaexar faríase cargo do procedemento para convertelos en compost de cara á súa posterior utilización.
A conselleira explicou que os técnicos da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade avaliarán esta proposta e puxo en valor que concorda co impulso dunha xestión local e circular da fracción verde que recolle o Plan Galego de Xestión de Residuos Urbanos (PXRUG).
A maiores durante o encontro, Ángeles Vázquez tamén garantiu a colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático co congreso que as empresas de paisaxismo e xardinaría teñen previsto celebrar o vindeiro ano en Galicia.
Nese senso, avanzou a disposición do Instituto de Estudos do Territorio (IET) a ofrecer apoio técnico e asesoramento á organización do congreso para deseñar un programa de visitas guiadas a aquelas áreas de maior interese paisaxístico na Comunidade, como poden ser, por exemplo, algúns tramos do Camiño de Santiago.



