HomeXunta de GaliciaA Xunta mantén aberto o prazo para solicitar as novas axudas para...

A Xunta mantén aberto o prazo para solicitar as novas axudas para facilitar a persoas sen traballo a asistencia a accións formativas para o emprego

- Anuncio -spot_img
  • A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración financia a través desta convocatoria gastos de desprazamento, manutención, aloxamento ou conciliación co gallo de apoiar a participación nas accións formativas que impulsa no período 2025-2026
  • Inclúe axudas para persoas con discapacidade, vítimas de violencia de xénero, con familiares ao seu cargo ou integrantes de familias numerosas ou monoparentais
  • Desde o ano 2019, a Xunta leva investido máis de 51 millóns de euros nesta iniciativa, beneficiando máis de 21.000 persoas no marco da última convocatoria pechada

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración mantén aberto o prazo da convocatoria de axudas directas que — cun importe superior aos 10 M€— busca facilitar a participación de persoas sen traballo nos cursos para o emprego que impulsa no período 2025-2026. Estas bolsas e apoios —que inclúen financiamento para os gastos de desprazamento, manutención, aloxamento ou conciliación— poden solicitarse no prazo dun mes desde a incorporación á acción formativa ou desde que teña lugar o feito causante da axuda. Así, o período de solicitudes abrangue as accións formativas que se inicien ata o 31 de outubro de 2026.

Dentro das persoas beneficiarias desta acción están os colectivos prioritarios nas políticas de emprego, entre eles, persoas con discapacidade, vítimas de violencia de xénero ou con familiares ao seu cargo, ademais de integrantes de familias numerosas ou monoparentais. Nesta actuación, a Xunta leva investido máis de 51 millóns de euros desde o 2019 e na edición 2023/2024 —última pechada— beneficiou máis de 21.000 persoas.

As accións obxecto de apoio van desde os cursos dos centros propios da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e nas entidades e centros que imparten as accións formativas para desempregados impulsados pola Xunta ata a participación nas unidades formativas das empresas.

Deste xeito, a convocatoria busca potenciar a empregabilidade das persoas beneficiarias, mellorando a súa cualificación con formación adaptada ás demandas do tecido empresarial e ligada ao territorio, como —por exemplo— a través de microformacións.

Detalles da convocatoria

Aos posibles beneficiarios destas bolsas de formación, a Xunta outorgará achegas de 9 euros por día de clase ao alumnado con polo menos o 33 % de discapacidade, así como a integrantes de familias numerosas ou de carácter monoparental. Estas axudas soben a 10 euros por día para as vítimas da violencia de xénero que tomen parte nas accións.

O Goberno galego apoia tamén a asistencia de persoas que teñan ao seu coidado fillas ou fillos, menores de 12 anos en acollida e/ou familiares con dependencia ata o segundo grao, ás que outorgará unha contía igual ao 75 % do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem) diario que estea vixente, para facilitar a súa conciliación.

Ademais, hai achegas para o transporte en vehículo propio (25€/día de contía máxima), o uso do transporte público urbano ou interurbano (1,5€/día), de manutención (12€/día) se a distancia do domicilio supera os 20 quilómetros, e para aloxamento e manutención de ata 80 euros por día tanto para domicilios que disten 100 quilómetros ou máis como para os que carezan de servizo de transporte que permita o traslado a diario. 

Pulo á empregabilidade

Esta acción forma parte da aposta da Xunta por potenciar a empregabilidade da cidadanía atendendo ás necesidades do tecido produtivo. Onte mesmo, aprobábase en Consello a nova convocatoria das accións formativas para persoas desempregadas (AFD), dotada con 40 M€, dentro do redeseño integral da formación para persoas desempregadas ou ocupadas.

Publicacións Relacionadas