- Trátase da primeira xuntanza da viaxe institucional do secretario xeral da Emigración e o director de Turismo de Galicia a México que inclúe reunións coa colectividade galega e con empresarios galegos neste país
- Realizarán sesións informativas sobre a estratexia Galicia Retorna e as bolsas de estudos do Centro Superior de Hostalería de Galicia dirixidas a residentes no exterior
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, mantiveron unha reunión coa ministra consejera da Embaixada de España en México, María Salcedo, na que abordaron diversos temas de interese común para a colectividade galega residente neste país. Durante a reunión —que tivo lugar na sede diplomática e na que tamén estiveron presentes o cónsul xeral Manuel Hernández Ruigomez, e o secretario xeral da Consejería de Trabajo, Migraciones y Seguridad Social, Ramón Lago— Antonio Rodríguez Miranda e Xosé Merelles destacaron a relevancia da colaboración institucional para reforzar o apoio aos galegos que viven fóra das nosas fronteiras, facendo especial fincapé nos programas de retorno e na promoción do destino turístico de Galicia.
Ambos resaltaron a importancia dos centros e asociacións galegas como espazos de cohesión social e cultural, subliñando o papel fundamental que desempeñan na difusión das tradicións de Galicia e na integración das novas xeracións. Ademais, gabaron o labor destas entidades para manter vivas as raíces e o sentimento de pertenza entre a comunidade galega residente en México. Ambos coincidiron na necesidade de seguir estreitando lazos e reforzar a cooperación para impulsar proxectos que beneficien á colectividade galega no país, potenciando iniciativas que promovan o desenvolvemento socioeconómico e cultural das comunidades galegas no exterior.
O secretario xeral de Emigración e o director de Turismo de Galicia iniciaron así unha viaxe institucional a México que inclúe reunións coa colectividade galega e con empresarios galegos neste país. O obxectivo principal desta visita é promover as oportunidades de retorno a Galicia e dar a coñecer as diferentes axudas que ten a Xunta de Galicia dirixidas aos galegos do exterior.
A viaxe inclúe unha xornada informativa sobre a estratexia Galicia Retorna e as bolsas de formación no Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) e encontros con empresarios ou universidades de hostalería para establecer futuras colaboracións en materia de mobilidade, investigación e docencia co CSHG.