A Xunta outorga os premios de fin de carreira a 101 universitarios, máis do 60% deles mulleres

adminON
Lectura mínima de 2
  • Cada un dos galardoados percibe 3.500€ e un diploma acreditativo como recoñecemento institucional
  • A Universidade de Santiago de Compostela concentra 50 dos premiados, mentres que a Vigo ten 30 e a da Coruña 21

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución de concesión dos premios de fin de carreira a 101 estudantes do Sistema Universitario de Galicia que remataron os seus estudos en 2024. Dos galardoados o 61% son mulleres e o 39% restante son homes.

Cada un dos premiados acadará un recoñecemento de ata un máximo de 3.500€ e un diploma acreditativo, o que supón un recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo.

Por universidades, a que máis galardoados concentra é a de Santiago de Compostela, con 50, seguida da de Vigo, con 30, mentres que a da Coruña ten 21. No que atinxe ás ramas de coñecemento, a de Ciencias Sociais e Xurídicas aglutina 42 dos premiados, seguida de Enxeñaría e Arquitectura (19), Ciencias da Saúde (15), Ciencias (13) e Artes e Humanidades (12).

Para optar a estes premios os alumnos deberon rematar a carreira no curso 2023/24 e cursar de forma íntegra os estudos da titulación no Sistema Universitario de Galicia. Debían contar, ademais, cunha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde, e a 7,5 puntos para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

Comparte este artigo