- O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participaron no exercicio realizado nunha zona afectada recentemente polos lumes
- Tomouse como base para as manobras un incendio rexistrado na serra de Arbo 2016
- O exercicio permitiu avaliar a resposta coordinada dos diferentes corpos e servizos aplicando os plans de emerxencia correspondentes ante un lume de rápida evolución
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participaron no simulacro de Activación do Plan especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais en Galicia (Peifoga) e o seu paso a situación 2 por un lume de alta intensidade e con afectación á poboación e a vivendas.
A simulación realizouse na serra de Arbo, nunha zona que xa sufriu grandes incendios forestais con afectación á poboación, o último no ano 2022. En concreto, neste exercicio recreouse unha situación de emerxencia similar á do incendio de 2016, que afectou a varias parroquias da contorna, co obxectivo de avaliar a resposta coordinada dos diferentes corpos e servizos aplicando os plans de emerxencia correspondentes. Deste xeito, ademais de comprobar a operatividade do Peifoga serve para probar a súa coordinación co Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga).
O simulacro permite ademais adestrar os sistemas de comunicación, as medidas de autoprotección dos propios efectivos, a xestión e coidados da poboación afectada e, sobre todo, testar as tarefas asignadas aos distintos grupos operativos e grupos de control.
Detalles do simulacro
O simulacro comezou ás 10,00 horas, aínda que para os efectivos participantes son as 20,30 horas dun 10 de agosto, coa alerta inicial dun lume na parroquia de Mourentán. O escenario foi escalando dende as actuacións iniciais do Peifoga, coa solicitude de medios ou o establecemento do Punto de Recepción de Medios e as primeiras manobras; ata a declaración de situación operativa 2 polo incremento do risco para persoas e vivendas dos núcleos de A Rocha e Godón. Nese momento, as actuacións céntranse na a atención á poboación afectada, a organización e coordinación dos novos medios necesarios e a constitución do Posto de Mando Avanzado.
O simulacro rematou logo da chegada dos últimos medios desa xornada, das explicacións do que se está a facer, así como da planificación para continuar abordado esta emerxencia.
Medios participantes
No exercicio participaron sete técnicos e axentes forestais, seis brigadas, un batracio e cinco motobombas da Consellería do Medio Rural, así como bombeiros de Ponteareas, Mos e efectivos voluntarios do municipio portugués de Melgaço.
No que se refire ao apoio sanitario, loxístico e de seguridade colaboraron unha ambulancia asistencial do 061 ademais de efectivos das forzas e corpos de seguridade -Unidade de Policía Nacional Adscrita a Galicia (UPA) e Garda Civil- e as agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Oitavén-Tea e Ponteareas.
Tamén participaron na organización do simulacro para axudar na posta en marcha en escena e expoñer diferentes cuestións axentes do Equipo de Prevención Integral de Incendios Forestais de Pontevedra.