A Xunta pon á disposición dos concellos axudas para mellorar as súas redes de abastecemento e saneamento por un importe globar de máis de 5 M€

Redacción
  • Ángeles Vázquez explica que este mes de maio se convocan dúas ordes de axudas destinadas a concellos e entidades locais menores para minimizar as fugas nos sistemas de abastecemento e reducir as infiltracións nos de saneamento
  • Subliña que aínda que o mantemento destas infraestruturas é competencia municipal, desde o Goberno galego apóiase aos concellos máis pequenos para que melloren a prestación destes servizos básicos e esenciais para a veciñanza
  • Estas axudas convocáronse por primeira vez en 2024 e, desde entón, concedéronse 223 apoios por importe de 8,63 millóns de euros no conxunto da Comunidade
  • Fai fincapé na importancia destas axudas da Xunta para apoiar os concellos na execución de actuacións que permitan avanzar cara a unha xestión eficiente da auga, a protección do medio ambiente e unha maior calidade dos servizos públicos.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou hoxe aos concellos a solicitar as axudas da Xunta para mellorar as súas redes de abastecemento e saneamento.

Segundo explicou a conselleira durante a visita que realizou hoxe a Mondariz, a Xunta convocou este mes de maio dúas ordes de axudas, por un importe global de máis de 5 millóns de euros, destinadas a concellos de menos de 20.000 habitantes e a entidades locais menores, para minimizar as fugas nos sistemas de abastecemento e reducir as infiltracións nos de saneamento.

“Aínda que o mantemento destas infraestruturas é competencia municipal, desde o Goberno galego queremos apoiar aos concellos máis pequenos para que melloren a prestación destes servizos básicos e esenciais para a veciñanza”, dixo Ángeles Vázquez.

Máis polo miúdo, a conselleira avanzou que mañá, 27 de maio, abre o prazo para solicitar as axudas para minimizar as perdas de auga nas redes de abastecemento e permanecerá aberto ata o 29 de xuño, mentres que as destinadas a reducir as infiltracións nas redes de saneamento se poden solicitar ata o 22 do vindeiro mes.

As achegas poden ser do 100% do gasto subvencionable cun máximo de 45.000 euros por solicitude. Con todo, cómpre lembrar que un dos requisitos para poder solicitar estas axudas, que contan con financiamento europeo a través do Feder 2021-2027, é ter aprobado unha auditoría municipal para, segundo o caso, detectar as deficiencias nas redes de saneamento e/ou abastecemento. De feito, as accións subvencionadas deben estar reflectidas no plan de actuacións da devandita auditoría.

Estas axudas convocáronse por primeira vez en 2024 e desde entón, segundo indicou Ángeles Vázquez, concedéronse 223 apoios por importe de 8,63 millóns de euros no conxunto da Comunidade.

En concreto, o Concello de Mondariz recibiu un total de 92.400 euros para a mellora das redes de saneamento e abastecemento. Nese senso, a conselleira coñeceu hoxe o traballo desenvolvido para retirar contadores vellos e instalar contadores de auga intelixentes dotados de telelectura en lugares das parroquias de Mondariz, Lougares e Vilar para mellorar a eficiencia do sistema de abastecemento.

A maiores, o concello tamén acometeu a rehabilitación de colectores en dúas rúas da parroquia de Mondariz ao abeiro da liña de axudas para reducir as infiltracións na rede de saneamento. Neste caso, rehabilitouse a tubaxe existente e instalouse un sistema de monitorización en continuo na estación de bombeo de augas residuais (EBAR) do Val para alertar de anomalías e para rexistrar calquera incidencia.

Para concluír, a conselleira fixo fincapé na importancia destas axudas da Xunta para apoiar os concellos na execución de actuacións que permitan avanzar cara a unha xestión eficiente da auga, a protección do medio ambiente e unha maior calidade dos servizos públicos.

Comparte este artigo