- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria unificada das iniciativas ‘Conecta con Galicia’ e ‘Conecta co Camiño’ a través da que se ofertan 120 prazas, 96 reservadas para mozos residentes no exterior e 24 para aqueles que viven en Galicia
- Os participantes terán a oportunidade de percorrer a pé un tramo de 100 km do Camiño de Santiago, polo Camiño Portugués ou polo Camiño Mozárabe – Vía da Prata
- Ademais, aqueles que o soliciten poderán ampliar a súa estadía en Galicia ata 15 días despois da finalización do programa para fortalecer os lazos coa súa familia galega
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas para a participación no programa de lecer Conecta con Galicia no Camiño, unha iniciativa que ofrece 120 prazas para a mocidade galega de entre 18 e 21 anos. O programa desenvolverase entre os días 19 e 31 de xullo de 2025.
A orde —que unifica as iniciativas Conecta con Galicia e Conecta co Camiño nun único programa— ten coma obxectivo principal fortalecer os vínculos da mocidade galega do exterior coa súa terra de orixe, promovendo o contacto coa cultura, a historia e a realidade da Galicia actual a través da experiencia do Camiño de Santiago.
En total, ofértanse 120 prazas, das cales 96 están reservadas para mozos residentes no exterior e 24 para aqueles que residen en Galicia. Os beneficiarios aloxaranse na residencia xuvenil Altamar, en Vigo, ou na residencia xuvenil Florentino López Cuevillas, en Ourense, ambas dependentes da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
O programa inclúe a realización dun tramo de 100 km do Camiño de Santiago, a pé, polo Camiño Portugués ou polo Camiño Mozárabe – Vía da Prata, dependendo do lugar de aloxamento. Ademais, organizaranse actividades complementarias para dar a coñecer o patrimonio cultural, a situación socioeconómica e o sistema educativo superior de Galicia.
Para moitos dos participantes, este programa representa a primeira oportunidade de visitar Galicia e de reencontrarse coa terra dos seus devanceiros. Ademais, aqueles que o soliciten poderán ampliar a súa estadía en Galicia ata 15 días despois da finalización do programa para fortalecer os lazos coa súa familia galega.
No marco desta convocatoria, a Xunta de Galicia asume a organización da viaxe, os traslados dos participantes e o custo dos billetes de avión segundo o nivel de renda dos beneficiarios. Tamén cubre os desprazamentos terrestres, o aloxamento e a manutención en Galicia.
O prazo de presentación de solicitudes abre mañá e prolongarase ata o 21 de abril.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250321/AnuncioG0767-030325-0001_gl.html