A Xunta pon en marcha o proxecto piloto de praias inclusivas coa instalación de estruturas climáticas sostibles en areais de Baiona, O Porto do Son e Viveiro

Redacción
  • Ángeles Vázquez indica que esta iniciativa ten como obxectivo que estes espazos  sirvan de refuxio ás persoas con problemas de mobilidade en caso de condicións meteorolóxicas adversas, como poden ser vagas de altas temperaturas
  • Estas estruturas, que estarán instaladas en xullo, contarán con accesos sen barreiras arquitectónicas, espazos amplos que permitan a mobilidade de persoas usuarias de cadeas de rodas, sinalización táctil e visual adaptada, zonas de descanso accesibles e elementos que favorecen a orientación e seguridade
  • Incide en que estes elementos contribúen ao cumprimento dos requisitos asociados a distintivos como a Bandeira Azul e a Bandeira Verde, xa que melloran das condicións de accesibilidade, sostibilidade e confort dos espazos públicos

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026.- A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asinou hoxe cadanseu convenio de colaboración cos alcaldes de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña; O Porto do Son, José Luis Oujo, e Viveiro, María Carmen Gueimunde, para a posta en marcha do proxecto piloto de praias inclusivas promovido pola Xunta.

Segundo explicou Ángeles Vázquez, esta iniciativa consiste na instalación de acubillos climáticos sostibles en praias propostas polos concellos -a da Ladeira, en Baiona; a do Cruceiro, no Porto do Son; e a da Area, en Viveiro- co obxectivo de que sirvan de refuxio ás persoas con problemas de mobilidade en caso de condicións meteorolóxicas adversas, como poden ser vagas de altas temperaturas.

En concreto, estas estruturas, que estarán instaladas xa o vindeiro mes de xullo, contarán con accesos sen barreiras arquitectónicas, espazos amplos que permiten a mobilidade de persoas usuarias de cadeas de rodas, sinalización táctil e visual adaptada, zonas de descanso accesibles e elementos que favorecen a orientación e seguridade.

De feito, a conselleira incidiu en que estes elementos urbanos “accesibles, comprensibles e utilizables por todas as persoas” contribúen ao cumprimento dos requisitos asociados a distintivos de calidade ambiental e de servizos como a Bandeira Azul e a Bandeira Verde, xa que “melloran das condicións de accesibilidade, sostibilidade e confort dos espazos públicos”.

Nese senso, con esta actuación, que conta cun orzamento de 85.000 euros da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, “avánzase na creación de contornas máis inclusivas e adaptadas ás necesidades da cidadanía, promovendo a igualdade de oportunidades no uso do espazo público”, engadiu Ángeles Vázquez.

Para concluír, logo de indicar que se avaliará a posibilidade de instalar estes acubillos noutras localidades, a conselleira sinalou que a posta en marcha deste proxecto piloto é unha mostra máis da aposta do Goberno galego por uns servizos de tempada de calidade e respectuosos coa paisaxe e co medio ambiente no marco da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral.

Comparte este artigo