- Cunha achega autonómica total de case 100.000 euros, as accións celebraranse entre os meses de setembro e outubro tras seren seleccionadas dentro da convocatoria na que se apoiaron 56 CCA en toda Galicia cun investimento superior aos 2,35 M€
- As campañas inclúen actividades de dinamización, sorteos, música, animación e promoción do comercio local, co obxectivo de fomentar o consumo de proximidade e reforzar o papel do sector como motor económico e social
A Xunta de Galicia apoiará entre os próximos meses de setembro e outubro cinco campañas de dinamización comercial extraordinarias no marco das axudas deste ano aos centros comerciais abertos, en concreto, impulsadas polos CCA de Boiro, Marín, Redondela, Viveiro e Verín. Deuno a coñecer o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, nunha reunión á que foron convocadas as entidades beneficiarias.
Estas entidades foron seleccionadas entre as mellor valoradas na convocatoria na que se apoiaron un total de 56 centros comerciais abertos de toda Galicia cun investimento global superior aos 2,35 M€. A estas cinco propostas en concreto o Executivo autonómico destinará preto de 100.000 euros, como recoñecemento á súa calidade, capacidade de innovación e impacto no territorio.
As campañas perseguen dinamizar o tecido comercial, fomentar o consumo de proximidade e reforzar o papel do comercio como motor socioeconómico nas vilas e cidades. Con estas accións extraordinarias, a Xunta pon en valor o esforzo e a creatividade dos centros comerciais abertos, consolidándoos como pezas clave para dar cumprimento aos obxectivos do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.
Calendario de dinamización
A primeira das accións, a cargo da Asociación Boirense de Empresarios e Profesionais Autónomos, terá lugar do 8 ao 26 de setembro. A gran partida do comercio local será unha campaña inspirada no xogo do Monopoly, adaptándoo á realidade urbana e comercial de Boiro. Así, o municipio transformarase simbolicamente nun gran taboleiro no que cada compra realizada no comercio local constituirá un movemento activo a favor da economía de proximidade. A campaña configúrase como unha experiencia híbrida —presencial e dixital— que combinará incentivos económicos reais, gamificación e programación lúdica, orientados a incrementar o fluxo de público e o consumo, e a reforzar o vínculo emocional co comercio local.
No caso da Asociación Centro Comercial Local Estrela de Marín, a súa proposta Que é un comercio está prevista do 5 ao 11 de outubro e fixa como obxectivo trasladar á cidadanía —e especialmente ás familias e novas xeracións— que o comercio local é un espazo de confianza, proximidade, acompañamento, relación social e identidade de vila. Nese senso, combinaranse accións de carácter educativo, promocional, visual e intersectorial, creando unha mascota do CCA que realizará visitas a centros de ensino ou editando un libro para colorear protagonizado por esa mascota. A campaña contempla presenza nos escaparates comerciais, regalos promocionais, cupóns de desconto ou a celebración da segunda edición da Burger Fest de Marín.
No que respecta á Asociación de Empresarios de Redondela, a campaña Redondela no camiño será o 27 e o 28 de setembro. Trátase dun evento multidisciplinar que porá en valor a posición estratéxica de Redondela como punto de confluencia das dúas variantes do Camiño Portugués: a Central e a da Costa. Nesa liña, a iniciativa estrutúrase como un gran contedor de accións comerciais, culturais, patrimoniais e gastronómicas, deseñadas para destacar a riqueza histórica e comercial da vila, fortalecer o orgullo local e crear novas oportunidades de negocio arredor do Camiño. En concreto, haberá exposicións artísticas e culturais, unha feira de artesanía, comercio e produtos locais e un pasaporte do Camiño, todo centralizado en Vilavella, lugar que conserva a esencia da antiga vila medieval, foco de antigos oficios e mercado polo que agora cruzan miles de peregrinos.
Pola súa banda, a Asociación Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro promoverá entre setembro e outubro a campaña Viveiro conta e o seu comercio tamén. Neste caso, levaranse a cabo actividades de dinamización como rascas de premios —cun gran sorteo final para os non premiados—, sábados de vermuteo na contorna da praza de abastos, sorteos de entradas de cine ou entrevistas aos establecementos comerciais asociados que se subirán nas redes sociais.
Por último, o Centro Comercial Urbano Aever impulsará na primeira semana de outubro a Gala do comercio local de Verín, co obxectivo de recoñecer e poñer en valor o tecido comercial como parte da memoria colectiva e da vida cotiá da vila. Esta proposta busca celebrar tanto os negocios consolidados como os novos, promovendo a innovación, visibilizando boas prácticas e motivando os comerciantes a seguir mellorando os seus proxectos. Así, o evento combinará espectáculo e música en directo coa entrega de premios en diferentes categorías: traxectoria, dinamización comercial, innovación, profesionalización e un premio do público. Entregaranse tamén premios vinculados a tíckets de compra, permitindo aos consumidores participar e gañar recoñecementos ou vantaxes adicionais por apoiar o comercio local.

