Antón Acevedo destaca a creación dunha rede próxima de coidados, a través das Casas do Maior, así como o desenvolvemento de iniciativas para unha vellez activa e saudable, como o programa Benestar en Balnearios
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, puxo en valor o compromiso da Xunta de Galicia co benestar e os dereitos das persoas maiores. Fíxoo durante a inauguración da primeira Xornada sobre Idadismo e Lonxevidade organizada pola Asociación Cultural O Castro e dirixida a centros educativos, servizos municipais, técnicos e profesionais do sector sociosanitario, voluntariado e asociacións.
Na súa intervención, Antón Acevedo, referiuse á Estratexia contra a Soidade non Desexada e á Estratexia contra o Idadismo impulsadas polo Executivo autonómico, como dúas ferramentas moi importantes para combater estas problemáticas ás que se enfrontan moitas persoas ao chegar á vellez. O obxectivo destas estratexias é previr, detectar e actuar ante estas situacións, para garantir que as persoas maiores desfruten con plenitude desta etapa das súas vidas.
En canto a combater o idadismo, o director xeral destacou que se trata dunha proposta pioneira que actúa en todos os ámbitos sociais. Entre as actuacións que se recollen nesta estratexia están: dar visibilidade e desafiar os estereotipos sobre as persoas maiores mediante campañas de comunicación e encontros xeracionais; dar formación e sensibilización no sistema educativo, cun programa piloto dirixido aos mestres de Infantil, Primaria e Secundaria; e crear un Comisionado Autonómico contra o Idadismo, que revisará as políticas públicas e a lexislación para detectar eivas e propor solucións.
Igualmente, o director xeral sinalou a importancia de tecer redes sociais de colaboración para facer fronte á soidade non desexada. Neste sentido, destacou o teléfono de atención habilitado en colaboración coa Cruz Vermella. Esta central de atención pretende servir de apoio a todas aquelas persoas que se sintan soas, estean onde estean e independentemente da súa situación persoal.
Envellecemento activo
Por último, Antón Acevedo destacou que o obxectivo Executivo autonómico e poñer á disposición das persoas maiores os recursos que necesitan para desfrutar desta etapa das súas vidas, cunha rede de atención próxima e de calidade, así como con programas e servizos que fomentan unha vellez activa e saudable. Ao respecto, referiuse á calidade do sistema residencial galego, á creación da rede de Casas do Maior, a iniciativas como Benestar en Balnearios e Xuntos polo Nadal, aos programas de formación e de ocio ou ao Carné +65.
A xornada contou coa participación como relatores de profesionais dos ámbitos da medicina, da psicoloxía, do ensino e do campo social. Neste encontro debateuse sobre as causas e consecuencias do idadismo na sociedade actual, o sistema sanitario ou os medios de comunicación. Ademais, expuxéronse iniciativas e experiencias de éxito para facer fronte a situacións de soidade, como as actividades interxeracionais.

