A Xunta pon en valor en Ponteveddra o papel dos Centros Comerciais Abertos na dinamización do comercio local

Redacción

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu hoxe en Pontevedra ás actividades organizadas polo CCA Zona Monumental dentro da iniciativa Xa é verán nas Galerías Oliva e ao arranque da campaña de rebaixas impulsada polo novo CCA Pontevedra

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu hoxe en Pontevedra ás actividades organizadas polo Centro Comercial Aberto Zona Monumental no marco da campaña Xa é verán nas Galerías Oliva, que finaliza hoxe. Esta iniciativa, apoiada polo Goberno galego, ten como fin dinamizar a actividade comercial con accións gratuítas vinculadas ás compras realizadas nos establecementos participantes.

Neste sentido, durante os sete días que se desenvolveu, realizáronse clases de danza oriental, ioga e baile, un desfile de perruquería, unha degustación de cafés e chocolates do mundo, a presentación do libro Los ojos a través del caos, de Marta Abal; así como unha exhibición de bailes flamenco e latino. Tamén houbo unha actividade de cociña destinada ao público infantil. Ademais, ata hoxe ás 13,30 h, os clientes puideron participar nunha ruleta de premios con vales de compra.

Posteriormente, Gabriel Alén participou no arranque da campaña de rebaixas organizada polo novo Centro Comercial Aberto Pontevedra, impulsado pola Asociación de empresarios da pequena e mediana empresa de Pontevedra (Aempe). Esta outra acción está orientada a fortalecer o comercio de proximidade. Consiste na difusión de material gráfico e da acción no ámbito dixital, apoiando aos pequenos comercios na difusión das rebaixas.

Neste contexto, o director xeral de Comercio e Consumo puxo en valor o labor dos centros comerciais abertos na dinamización do sector e no apoio aos pequenos negocios, na liña do que promove o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

Comparte este artigo