- A directora xeral de Xuventude visita en Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) o campo de voluntariado Rural influencer, noque se reforzan as relacións interxeracionais
- Desenvólvense actividades creativas, obradoiros, foros de comunicación cos avós e avoas da zona e realízase unha pintura mural comunitaria
- Lara Meneses tamén se achega ao minicampamento de aventuras e contacto coa natureza da Lama, que se desenvolve, en parte, en Fornelos de Montes (Pontevedra)
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou esta mañá os mozos e mozas que están a participar no campo de voluntariado Rural Influencer, que se está a celebrar no municipio pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, e no que se pon en valor o patrimonial cultural que atesouran as persoas maiores, a través de actividades creativas que poñen en contacto a ambas as dúas xeracións.
A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou esta iniciativa na que rapazada, de entre 18 e 30 anos, ten a oportunidade de compartir experiencias vitais, culturais e artísticas con persoas maiores desta localidade. Fano a través de obradoiros creativos, foros de comunicación interxeracional e a realización comunitaria dunha pintura mural.
Lara Meneses salientou a importancia deste tipo de accións desde o Goberno galego para “potenciar as relacións interxeracionais, non só polo que supón de enriquecemento mutuo, senón polo reforzo da nosa identidade cultural que leva aparellado”. Neste senso, fixo fincapé en como este campo de traballo ten en conta o importante papel das persoas maiores na conservación de valores, costumes e tradicións, “cuxa transmisión ás xeracións máis novas posibilita que non se acaben perdendo e se consiga mantelas vivas”.
Programación O teu mellor verán
Na mesma liña, argumentou que este xeito de compartir coa mocidade que facilitan estes campos de voluntariado, repórtalles ás persoas maiores tomar contacto directo e de primeira man coas inquedanzas e coas motivacións persoais e artísticas das xeracións máis novas, “co coñecemento, descubrimento e empatía que estes intercambios xeran”.
A directora xeral de Xuventude lembrou que este campo de voluntariado forma parte do programa da Xunta de Galicia O teu mellor verán, que ofrece durante os meses de xullo, agosto e setembro actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo á cativada e rapazada. A programación, que inclúe tamén campamentos, programas de intercambio e actividades de ocio alternativo, conta cun total de 11.533 prazas, o que supón a maior oferta da historia.
Minicampamento para cativada
Precisamente, Lara Meneses tamén se desprazou hoxe ao minicampamento Aventura e natureza rural II da Lama (Pontevedra), que forma parte do programa O teu mellor verán. Nesta xornada a cativada, de entre 9 e 14 anos de idade, estaban a realizar as actividades na localidade pontevedresa de Fornelo de Montes.
Con respecto aos minicampamentos, a representante de Xuventude do Goberno galego explicou que se trata dunha iniciativa “lúdico formativa que se desenvolve en aloxamentos turísticos distribuídos por toda a xeografía galega”, o que serve, dixo, “tanto para apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas como para fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o lecer educativo”.
Estas accións desenvólvense en estancias de cinco días, de luns a venres, durante os meses de xullo e agosto, cun total de 700 prazas en 34 quendas, distribuídas en 14 programas e instalacións en distintos concellos galegos. Este ano ampliouse a oferta con novos programas nos municipios de Palas de Rei, Ribeira de Piquín e Tomiño.

