HomeXunta de GaliciaA Xunta pon en valor o éxito do Concurso de Ideas para...

A Xunta pon en valor o éxito do Concurso de Ideas para deseñar un prototipo de “Chiringuito” biosostible cunha vintena de propostas presentadas

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez explica que esta innovadora iniciativa busca unificar a estética destes establecementos, que tamén se beneficiarán da decisión de ampliar a duración da tempada de verán ata o 31 de outubro
  • Engade que ao abeiro da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral se buscarán solucións para que a protección da costa sexa compatible coa súa rendibilidade
  • Desde o traspaso efectivo dos medios, servizos e funcións nesta materia o pasado 1 de xullo, a Xunta adoptou decisións como a unificación de todos os procedementos nunha solicitude única en formato dixital para ofrecer un mellor servizo
  • A directora do CETMAR presentou a Estratexia Galega de Economía Azul como guía para un mar sostible e competitivo, e destacou o seu encaixe coa nova Lei do Litoral e o impulso a sectores emerxentes

A Xunta puxo hoxe en valor o éxito do concurso de ideas para deseñar un prototipo de chiringuito biosostible e integrado na paisaxe das praias galegas logo de recibir unha vintena de propostas.

Segundo dixo a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, na súa intervención nas Xornadas Tripla Hélice do Foro Empresa Pontevedra, que tiveron como tema A xestión do litoral de Galicia: retos e oportunidades, esta innovadora iniciativa busca unificar a estética dos chiringuitos no marco do obxectivo de garantir un desenvolvemento sostible da costa galega. Ademais, estes establecementos tamén se beneficiarán da decisión de ampliar a duración da tempada de verán. En concreto, o próximo ano os chiringuitos poderán estar abertos desde o comezo da Semana Santa ata o 31 de outubro.

Nese senso, Ángeles Vázquez incidiu en que facer unha xestión integrada da costa desde a tripla perspectiva ambiental, social e económica é a base da Lei de ordenación do litoral de Galicia (Loxilga). “Buscaremos solucións para que a protección da nosa costa sexa compatible coa súa rendibilidade”, engadiu a conselleira.

Así, logo de explicar que ese concurso de ideas se resolverá antes de que remate este ano 2025, a conselleira explicou que as instalacións de tempada, foron, de feito, os primeiros expedientes en ser tramitados unha vez que a Xunta recibiu o traspaso dos medios, servizos e funcións en xestión do litoral. Así, desde o pasado 1 de xullo, cando se fixo efectivo ese traspaso, o Goberno galego concedeu un total de 467 títulos habilitantes, dos que 332 foron autorizacións e 134, declaracións responsables.

Ademais, a Xunta adoptou varias decisións neste eido para ofrecer o mellor servizo posible á cidadanía, ao tecido produtivo, a calquera entidade pública ou privada con intereses na costa, así como as administracións locais.

En concreto, a conselleira subliñou a unificación de todos os procedementos nunha solicitude única en formato dixital. Deste xeito, os solicitantes só terán que presentar un formulario -fronte aos cinco previos- de xeito telemático.

E, segundo avanzou Ángeles Vázquez, o Goberno galego segue traballando en novas cuestións como a unificación das taxas en servidume e en dominio público marítimo-terrestre e o procedemento integrado para a obtención de títulos de intervención no litoral.

Pola súa banda, a directora do Centro Tecnolóxico do Mar CETMAR, Rosa Chapela, destacou que a Estratexia Galega de Economía Azul (EGEA), aprobada pola Xunta de Galicia e liderada pola Consellería do Mar, marca o rumbo para consolidar Galicia como a rexión líder en Europa en economía azul sostible de cara ao 2030. Chapela valorou o modelo proposto, baseado na sostibilidade, a competitividade e a cohesión social. Subliñou tamén a súa coherencia coa nova Lei do Litoral, o que favorece unha xestión integrada do espazo costeiro.

Entre as principais oportunidades da estratexia para a economía do mar galega, Chapela mencionou a descarbonización da frota, a incorporación das enerxías renovables mariñas, o impulso á biotecnoloxía, o turismo mariñeiro e a formación de novos talentos. A estratexia non deixa de lado actividades tradicionais como a pesca, o marisqueo e a acuicultura, que son consideradas esenciais tanto na EGEA como na Lei do Litoral. A súa intervención rematou resaltando que a EGEA representaun compromiso de país, que une tradición e innovación para facer do mar un espazo de futuro sostible, competitivo e inclusivo”.

Publicacións Relacionadas