A Xunta pon en valor o labro dos guías do Parque Nacional para a protección do patrimonio natural e o desenvolvemento sostible de Galicia

adminON
Lectura mínima de 3
  • Ángeles Vázquez destaca que, cos máis de 65 guías acreditados nesta edición, son xa máis de 1.200 os formados neste espazo protexido nos últimos 20 anos, cun papel fundamental na difusión dos valores naturais dos catro arquipélagos
  • Subliña a variedade dos perfís do alumnado deste curso, xa que hai tanto persoas que traballan como guías turísticos como profesionais doutros sectores como biólogos, xeólogos, fotógrafos, mergulladores, etc.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o labor dos guías do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia para a protección do patrimonio natural e o desenvolvemento sostible da Comunidade.

Durante o acto de entrega de diplomas aos 65 novos guías acreditados este ano, no que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, a conselleira destacou que estes profesionais contribuirán a “divulgar o respecto polos espazos naturais e a promover un turismo verde e sostible” en liña coa aposta do Goberno galego polo equilibrio entre a protección ambiental e o desenvolvemento económico de Galicia.

De feito, nos últimos 20 anos xa se formaron máis de 1.200 persoas coas ferramentas necesarias para desenvolver as súas actividades profesionais na contorna socio-económica do Parque Nacional porque, tal e como establece o Plan reitor de uso e xestión deste espazo protexido, só poderá exercer como guía nesta área quen dispoña deste título oficial.

Así, este curso, ademais de reforzar a capacitación profesional do persoal encargado da atención e interpretación ambiental no Parque Nacional, tamén reafirma o compromiso da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático coa formación continua e a promoción da divulgación ambiental e científica.

Estes novos guías acreditados recibiron formación sobre cuestións específicas en materia de lexislación e biodiversidade así como sobre a súa protección, uns coñecementos vitais para que contribúan a que os elementos e valores naturais dos catro arquipélagos que forman o parque -Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada- sexan apreciados e coñecidos polo conxunto da cidadanía.

A conselleira subliñou tamén a variedade dos perfís do alumnado deste curso, xa que hai tanto persoas que traballan como guías turísticos como profesionais doutros sectores como biólogos, xeólogos, fotógrafos, mergulladores, etc. que van desenvolver a súa actividade no Parque Nacional. Este ano recibiron formación 75 persoas, das que 65 a superaron de xeito satisfactorio.

Para concluír a conselleira salientou que Galicia reforza hoxe o grande equipo profesional que vela tanto pola protección da xoia ambiental que é o Parque Nacional, como pola atención aos seus visitantes. Nesa liña, cómpre indicar que no que vai de 2025 xa se rexistraron preto de 487.000 visitas.

Comparte este artigo