HomeXunta de GaliciaA Xunta aposta por afondar nas relacións de Galicia cos países lusófonos

A Xunta aposta por afondar nas relacións de Galicia cos países lusófonos

- Anuncio -spot_img

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou esta mañá na conferencia ‘Sociedade civil, lingua e relacións internacionais’, onde puxo en valor a recente posta en marcha do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade para contribuír a este obxectivo

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo Aller, participou esta mañá na inauguración da conferencia Sociedade civil, lingua e relacións internacionais, no marco dun evento organizado pola Academia Galega da Lingua Portuguesa e a Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), que contou co apoio da Xunta.

O director xeral destacou a transcendencia de optimizar a colaboración entre Galicia e o conxunto dos países de lingua oficial portuguesa, aproveitando as avantaxes do estreito parentesco lingüístico que se dá entre ambas as linguas. A lusofonía constitúe un espazo enorme de desenvolvemento, que abrangue unha poboación de máis de 260 millóns de persoas.

Nese marco, Jesús Gamallo explicou como a Xunta está a traballar para aproveitar a relación privilexiada de Galicia co Norte de Portugal, que culminou coa creación duna Comunidade de Traballo en 1991 e a posta en marcha dunha Agrupación Europea de Cooperación Territorial en 2010 para, coa Estratexia de Acción Exterior e a Lei de Acción Exterior de 2021, estender esta relación a todo o conxunto de Portugal, e desde alí a toda a lusofonía, rematando coa entrada de España na CPLP en 2021, a impulso precisamente de Galicia.

Coa recente posta en marcha do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade deuse un novo paso para sistematizar e sumar perspectivas solventes. Neste novo órgano figuran representadas tanto as institucións galegas con intereses neste ámbito, como o Ministerio español de Asuntos Exteriores e outras institucións pertencentes ao espazo lusófono, que poden aportar o seu coñecemento e capacidades para fomentar as interrelacións de Galicia coa lusofonía. Estas interrelacións non se esgotan no eido lingüístico, senón que abranguen moitos mais sectores, culturais, sociais ou económicos.

Publicacións Relacionadas