A Xunta pon en valor o remate do acondicIonamento da parcela exterior do novo Centro de Día e Fogar Residencial da Lama

Redacción

O Goberno galego destinou un total de 300.00 euros a financiar a construción deste recurso de titularidade municipal e que está en funcionamento desde finais do ano pasado

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, comprobou hoxe o resultado dos traballos de acondicionamento do baixo e do espazo exterior do novo centro de día e fogar residencial da Lama, pertencente á rede pública autonómica e que entrou en funcionamento a finais do ano pasado. Con esta intervención que incluíu a instalación dun parque biosaudable, culmínase unha actuación que tivo un custo total de máis de 500.000 euros, dos cales a Xunta achegou 300.00 euros e o resto asumiunos o Concello.

Perfecto Rodríguez, que estivo acompañado do alcalde, David Carrera, destacou a importancia que ten este equipamento de titularidade municipal para prestar unha mellor atención ás persoas maiores, xa que conta con seis prazas residenciais e 14 de atención diúrna. Neste sentido, puxo en valor a colaboración institucional entre Xunta e Concello, que permitiu facer realidade este novo recuso no que tanto se implicou o anterior alcalde da Lama, Jorge Canda, falecido o ano pasado.

Ademais, o xerente do Consorcio enmarcou esta actuación na aposta decidida da Xunta por seguir ofrecendo unha atención próxima e de calidade para as persoas maiores, a través da mellora permanente e da ampliación da rede de centros. Ao respecto, referiuse ao Plan de investimentos en marcha, que está a supoñer a construción, ampliación ou reforma dunha vintena de residencias, centros de día e centros sociais.

Comparte este artigo