HomePontevedraCampo LameiroA Xunta programa para este verán máis de 400 actividades no Parque...

A Xunta programa para este verán máis de 400 actividades no Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro

- Anuncio -spot_img

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon en marcha entre as súas propostas de verán varias actividades que teñen que ver co patrimonio, e as que se poderán gozar no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro. Así, neste enclave que alberga unha das maiores concentracións de petróglifos de Europa, as familias terán unha oferta especial de máis de 400 actividades para achegarse á arqueoloxía de maneira lúdica.

As propostas, que se levarán a cabo nos meses de xullo, agosto e setembro de martes a domingo, inclúen, baixo o lema Experiencias na prehistoria, diversos obradoiros de recreación, como poden ser a pintura rupestre, a cerámica ou experiencias arqueólogas, que terán lugar en sesión matinal e sesión de tarde. Ademais, para os que queiran aprender xogando, destacan tamén todos os días o ‘escape room’ O tesouro das mouras e o xogo interactivo Petroaventura.

No tocante ás visitas guiadas, realizaranse en dúas quendas diarias nos tres meses de verán, unha de mañá e outra de tarde. Así, todos os venres a partir das 22,00 horas, repetirase a experiencia nocturna con visitas ás estacións rupestres do Parque Arqueolóxico acompañadas de iluminación especial e nas que se relatarán diversas lendas relacionadas coa figura etnográfica e literaria dos petróglifos. Ademais, como novidade deste ano organízase o Solpor no PAAR, un percorrido que se realiza ó caer o sol e no mellor momento para observar os petróglifos, cun paseo máis longo e con remate final no miradoiro do Outeiro das Ventaniñas.

Por outra parte, e tamén por primeira vez, realizarase un evento destacado e especial cada mes, que albergará concertos, recreacións e propostas científicas. Deste xeito, o 26 de xullo organízase o PetroFest, un festival diurno que contará coas actuacións de Abril, Faia, Maruxa e Coralia Djs e o mago Samuel Moreno. Case un mes despois, o 24 de agosto, celebrarase Laeros, o Festival de Arte Rupestre no que a Xunta colabora e que une gastronomía con recreacións prehistóricas. Como remate, entre o 20 e o 21 de setembro terán lugar as primeiras Xornadas Internacionais de Arte Rupestre Atlántica nas que participarán investigadores galegos e internacionais para poñer en valor o legado patrimonial dos petróglifos de Galicia con actividades especiais e visitas.

As actividades organizadas no marco da campaña da Xunta de Galicia Para gustos, cultura, que recolle máis de 3.400 iniciativas de 40 tipoloxías distintas, precisan de reserva a través da web oficial do Parque. Ademais, as instalacións amplían o seu horario de apertura durante a época estival para facilitar a estadía dos visitantes nesta paisaxe prehistórica de 22 hectáreas de extensión.

Publicacións Relacionadas