O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, deu a benvida aos participantes nunha xornada organizada polo Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Verín, orientada á dinamización do tecido produtivo da comarca
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá na apertura dunha xornada virtual organizada polo Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Verín, dirixida a promover a colaboración entre o sector do turismo e outros sectores afíns como a hostalaría e a artesanía.
Durante a súa intervención, Fernández destacou que “este é o momento idóneo para explorar novas oportunidades de negocio, sen as limitacións propias doutros períodos do ano, aproveitando a flexibilidade e accesibilidade que ofrece o entorno dixital”. A sesión tivo como obxectivo tender pontes entre os distintos axentes da comarca, impulsando a creación dunha comunidade colaborativa que favoreza a posta en marcha de proxectos conxuntos. Segundo explicou o secretario xeral , esta iniciativa poderá ser o xerme de futuras colaboracións entre negocios, contribuíndo así á consolidación dun ecosistema emprendedor máis forte e conectado.
A través desta iniciativa procúrase consolidar e fortalecer a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, unha ferramenta pública posta en marcha en xullo de 2022 que, mediante as súas 15 oficinas distribuídas por todo o territorio galego, ofrece un servizo gratuíto de asesoramento individualizado. Esta atención está dirixida tanto a persoas que desexan iniciar un proxecto empresarial como a aquelas que xa deron o paso de emprender e buscan afianzar a súa actividade. A Rede presta unha atención especial ao ámbito rural, coa finalidade de dinamizar a economía local, contribuír á fixación de poboación e facer fronte ao desafío demográfico. Neste contexto, o Polo de Verín destaca polo seu compromiso coa transformación económica da comarca: desde a súa creación no ano 2022, leva atendidos preto de 250 proxectos e impulsou máis de 95 actividades, entre reunións con entidades, accións formativas e eventos da propia rede. Cómpre subliñar, ademais, a significativa participación feminina, xa que as mulleres representan actualmente preto do 60% das persoas asesoradas.