- A aposta polo turismo de natureza é un dos ámbitos con maior capacixuntdade para avanzar na desestacionalización da oferta turística da comunidade
- A Casa de Galicia en Madrid acolle desde hoxe e ata o 25 de outubro esta exposición organizada por Turismo de Galicia en colaboración con AGETAN e Atlantis Adventure
- Xosé Merelles destacou o Camiño de Santiago e o turismo activo como eixes deste proxecto que convida a descubrir a contorna galega a través da conexión co territorio e un turismo de natureza que en 2025 mobilizou a 477.000 visitantes a Galicia
- O gasto deste segmento turístico alcanzou en 2027 máis de 222,6 millóns de euros, o que supón o 9% do gatos nacional en turismo de natureza
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto ao director da Casa de Galicia de Madrid, Luis E. Ramos, inauguraron hoxe a exposición ‘Galicia, un latexo máis’, unha mostra que propón achegarse ao destino galego desde unha perspectiva experiencial e que presenta a viaxe como unha procura de sensacións vinculadas á natureza, á paisaxe e ao contacto respectuoso coa contorna.
A exposición, que poderá visitarse ata o próximo 25 de outubro, está organizada por Turismo de Galicia coa colaboración da Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo, de Aventura e Natureza (AGETAN) e Atlantis Adventure, nunha posta en valor de dos grandes eixes da oferta turística galega, como son o Camiño de Santiago e o turismo activo.
Neste sentido, Xosé Merelles expresou que esta mostra “formula o descubrimento de Galicia como unha vivencia que vai máis alá da visita a un destino e que busca xerar unha conexión coa natureza e un mesmo”. Ademais, destacou o lugar destacado que ocupa o Camiño de Santiago no discurso da exposición ao “presentar a experiencia dos peregrinos non só como un percorrido físico, tamén como unha viaxe persoal e emocional na que a paisaxe galega acompaña á reflexión interior”.
O proxecto incorpora tamén o turismo activo como forma de coñecer e gozar de Galicia de maneira responsable, a través de actividades vinculadas á natureza e ao territorio. “Son propostas que permiten descubrir a paisaxe desde novas perspectivas e fomentar unha relación respectuosa e sostible coa contorna, dentro da estratexia de Turismo de Galicia para posicionar a comunidade como un destino de experiencias, capaz de combinar patrimonio, paisaxe, natureza, actividade física e benestar”, destacou.
O turismo de natureza e o Camiño de Santiago en crecemento
Un dos ámbitos con maior capacidade para diversificar a oferta e avanzar na desestacionalización turística de Galicia, en especial pola súa capacidade para xerar estadías máis prolongadas, é o turismo de natureza.
Segundo os datos da Enquisa de Turismo de Residentes de 2025, 477.000 turistas escolleron Galicia para realizar este tipo de viaxes. Ademais, o gasto asociado a este segmento alcanzou os 222,6 millóns de euros, case o 9% do gasto nacional en turismo de natureza.
O Camiño de Santiago constitúe outro dos grandes protagonistas da exposición e continúa mostrando unha evolución positiva durante 2026. Xa son máis de 420.000 os peregrinos que recolleron a Compostela, un crecemento do 7% en relación a este mesmo período do ano anterior.
Os datos tamén reflicten a crecente relevancia dos itinerarios xacobeos entre o público internacional. Na actualidade, o 59% dos peregrinos son de orixe estranxeira, con Italia e Estados Unidos disputándose o liderado e con Portugal, Alemaña e Reino Unido entre os principais mercados internacionais.
Ademais, a información achegada polos sensores instalados no Camiño Francés, no Camiño do Norte e no Camiño Primitivo permiten constatar a estabilidade dos fluxos de peregrinos respecto do número de Compostelas emitidas, cunha media de 1,67 peregrinos rexistrados por cada Compostela.

