- O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na xornada que tivo lugar na sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) no marco do Campus formativo de igualdade laboral impulsado polo Goberno galego
- Dispoñible tamén de xeito telemático e dirixida a empresas, profesionais e outras persoas interesadas, a formación abordou o principio de igual retribución por traballos iguais e de igual valor con motivo da efeméride celebrada o pasado domingo
- Foi impartida por Beatriz Sueiro, inspectora de Traballo e Seguridade Social, e por José Fernando Lousada, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta tarde na apertura da xornada celebrada na sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) no marco do Campus formativo de igualdade laboral impulsado pola Xunta co gallo do Día Europeo da Igualdade Salarial que se celebrou o pasado domingo. Dispoñible tamén de xeito telemático e dirixida a empresas, profesionais e outras persoas interesadas, a formación afondou na integración do principio de igual retribución por traballos iguais e de igual valor e foi impartida por Beatriz Sueiro Padín, inspectora de Traballo e Seguridade Social, e por José Fernando Lousada Arochena, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
A xornada permitiu que as persoas participantes intercambiasen coñecementos e experiencias arredor do principio de igualdade retributiva, coñecendo ferramentas para a súa aplicación ou analizando os complementos salariais, extrasalariais, incentivos, beneficios sociais, etc. desde unha perspectiva de xénero. Abordouse así o estudo de valoración de posto de traballo como base para a fixación da política retributiva, as medidas de acción positiva para reducir ou eliminar a fenda salarial de xénero, ferramentas como o rexistro retributivo e a auditoría retributiva ou a futura Directiva europea sobre transparencia retributiva, aínda en prazo de transposición.
Cómpre engadir que tras o acto as persoas participantes terán ata o 4 de marzo para responder o test de avaliación posto á súa disposición a través do Campus en liña. Para obter o certificado de aproveitamento do taller, ademais de ter asistido á xornada, deberá responderse satisfactoriamente polo menos o 70 % das cuestións expostas nese test.



