A Xunta promove un programa pioneiro de voluntariado dirixido á mocidade para o coidado e a conservación da costa galega

Redacción
  • A iniciativa ten como fin combinar formación, convivencia e voluntariado ambiental para coñecer e descubrir o litoral galego e contribuír á súa protección
  • Os conselleiros avogan por implicar ás novas xeracións no coidado e na conservación do patrimonio natural e cultural costeiro para garantir o seu desfrute responsable

A Xunta de Galicia promove un programa de voluntariado pioneiro na Comunidade dirixido á mocidade, de entre 18 e 35 anos, para o coidado e a conservación da costa galega.

Así o anunciaron hoxe os conselleiros de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, e de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, tras asinar o protocolo de colaboración de Mocidade no Camiño do Litoral, unha iniciativa que combinará formación, convivencia e voluntariado ambiental co obxectivo de coñecer mellor e descubrir o litoral galego e, polo tanto, contribuír activamente á súa protección.

A actividade comezará este mesmo mes de novembro e celebrarase durante sete fins de semana en tres albergues xuvenís, que a Consellería de Cultura pon a disposición. Concretamente, será nas instalacións de Gandarío (Bergondo), As Sinas (Vilanova de Arousa) e A Devesa (Ribadeo).

Neste senso, os mozos e mozas participantes desenvolverán accións para mellorar o Camiño do Litoral, tales como a retirada de residuos e de especies invasoras, a detección de sinalización deteriorada ou a identificación do patrimonio natural e cultural vencellado ao Camiño, sempre guiadas e dinamizadas por persoal técnico especialista.

Tal e como subliñaron os conselleiros, as actividades enmarcadas neste protocolo contribuirán a implicar ás novas xeracións no coidado e conservación do patrimonio natural e cultural, ademais de garantir que se siga desfrutando dunha costa única.

Cómpre lembrar que durante o próximo ano 2027, reforzarase nun 34% o orzamento para a dinamización e protección do litoral para conseguir unha costa mellor protexida, máis accesible e máis viva. Así, acondicionarase o Camiño do Litoral para mellorar os percorridos e favorecer o coñecemento e o desfrute responsable da costa galega.

Comparte este artigo