- A directora xeral de Mobilidade reuniuse hoxe coa alcaldesa para abordar as necesidades de mobilidade do municipio como é o caso da implantación dun SIMU para dar resposta aos desprazamentos con Donón e Vilanova na época estival
- Tamén se abordou a situación das conexións con Vigo e a activación de reforzos para dar resposta a subas puntuais da demanda durante o inverno
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, reuniuse hoxe coa alcaldesa de Cangas de Morrazo, Araceli Gestido, para abordar as necesidades de mobilidade deste concello. Na xuntanza avaliouse especialmente a problemática durante o verán nos accesos ás praias e a necesidade de reforzos no inverno nas conexións con Vigo, sobre todo cos hospitais e cando se producen cancelacións do transporte marítimo por mor de alertas meteorolóxicas.
No que se refire á tempada estival, ao tratarse de tráficos internos ao municipio, a directora xeral propúxolle á rexedora a implantación dun Servizo de Interese Municipal (SIMU) que dea resposta ás necesidades de desprazamentos entre Cangas e Donón e Vilanova. Tal e como sinalou Judit Fontela, estas liñas créanse a petición dos concellos que consideran necesario dispoñer dun servizo específico que non cubran os autobuses interurbanos. Deste xeito, mediante un convenio, os concellos, no exercicio das súas competencias en materia de transporte público, poden atender novas conexións internas ou con outros concellos que responden ao interese municipal.
Así, na provincia de Pontevedra xa contan con SIMU os concellos da Illa de Arousa, Nigrán e Sanxenxo, que o implantaron precisamente tamén para garantir a mobilidade turística no verán, ademais dos de Pontevedra e Cerdedo-Cotobade. Estes servizos en tempada estival ofrecen alternativas máis eficaces de transporte público, contribuíndo a reducir os problemas de tráfico e estacionamento asociados aos desprazamentos de lecer nas áreas con maior afluencia de visitantes.
A solución de implantación dun SIMU proponse despois de que a ampliación o pasado ano da oferta de servizos de transporte no período estival, con autobuses adicionais de luns a venres ás zonas de praias, rexistrase unha baixa demanda, cunha media de uso diario inferior ás dez persoas.
Na xuntanza tamén se abordou a situación das conexións con Vigo e a activación de reforzos para dar resposta a subas puntuais da demanda durante o inverno, moitas veces imprevisibles. Neste sentido, a empresa concesionaria confirmou que está en contacto coas autoridades portuarias para, cando se suspende o tráfico de ría, poñer reforzos nos horarios inmediatamente próximos ás cancelacións nas liñas vixentes que pasan polas estacións marítimas de Vigo e de Cangas.

