A Xunta reafirma en Chantada o seu impulso á experimentación con fibras vexetais

Redacción
  • A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe as persoas participantes no curso de cestería experimental que imparten os cesteiros daneses Jette Mellgren e Jan Johansen, especializados en aplicar a cestería ao paisaxismo
  • No espazo dos Casares estase a desenvolver tamén o curso de encordado de cadeiras con enea e outras fibras vexetais, impartido por Tomeu Perelló, dentro do programa de perfeccionamento de ‘Fibranzas’, tamén impulsado pola Xunta

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá ata o espazo dos Casares en San Cristovo de Mouricios (Chantada), onde se están a desenvolver dous cursos de formación especializados no traballo artesanal coas fibras vexetais e na cestería contemporánea aplicada ao paisaxismo, impulsados pola Xunta. Trátase do curso Técnicas de cestería experimental, impartido polos cesteiros daneses Jette Mellgren e Jan Johansen, e do de Encordado de cadeiras con enea e con outras fibras vexetais, a cargo de Tomeu Perelló.

No curso de cestería experimental —que comezou onte e remata mañá domingo—, Jan Johansen estase a enfocar na elaboración de estruturas decorativas e funcionais, mentres que Jette Mellgren amosa as técnicas de tecido de Uganda e o traballo con cortiza de vimbio. Estes dous docentes —que xa se encargaron de impartir a formación Arte da paisaxe, no primeiro curso de Fibranzas que tivo lugar en 2025— teñen unha práctica baseada nun compromiso persoal coa paisaxe para resaltar o potencial da natureza. Así, crean obxectos fantásticos e escultóricos que van máis alá das formas conceptuais.   

Tamén ata mañá celébrase no espazo dos Casares a formación dedicada ao Encordado de cadeiras con enea e outras fibras vexetais, impartida polo cesteiro mallorquino Tomeu Perelló, que forma parte do programa de perfeccionamento de Fibranzas. Laboratorio das fibras vexetais. Este curso céntrase no manexo, na transformación e na preparación da fibra vexetal de enea, para elaborar un cordón continuo e traballar a técnica de encordado sobre un asento das medidas e forma específica da cadeira.

Fibranzas

O curso de perfeccionamento Fibranzas. Laboratorio das fibras vexetais —que se desenvolve ata o mes de marzo de 2027— é a continuación do curso homónimo desenvolvido entre febreiro e novembro de 2025, no marco do programa pioneiro de formación Aprender da tradición. Oficios e técnicas, impulsado pola Fundación Artesanía de Galicia para garantir a remuda xeracional nos oficios artesanais.

Fibranzas é un programa de formación integral nos oficios vinculados á cestería, desde a produción das fibras ao deseño do produto final, pasando polas técnicas tradicionais e pola arte contemporánea. A edición deste ano, que se compón de cinco módulos e 216 horas de formación, enfócase no afondamento das técnicas vinculadas á cestería e nas súas posibilidades no marco da artesanía contemporánea. Esta iniciativa realízase en colaboración co Vilaseco e Os Casares, e coa coordinación da recoñecida cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), que vén de ser galardoada co Premio á mellor artesá de vangarda 2026 nos Premios do Círculo Fortuny e xa contaba co Premio Artesanía de Galicia 2021 e co Premio Produto 2014 nos Premios Nacionais de Artesanía, entre outros.

Comparte este artigo