As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante 24 semanas e inclúen a retirada de árbores caídas e biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento en varios tramos de río no concello de Moaña que suman máis de 7,2 quilómetros.
As tarefas, que se desenvolverán en distintas parroquias do concello, afectan a algo máis de tres quilómetros do río Miñouva e a preto de 800 metros do rego da Freixa na parroquia de San Pedro de Domaio. En Santa Eulalia de Meira actuarase en preto de 600 metros do barranco do Faro e noutros 200 metros do rego San Bartomeu. Tamén se acometerán traballos en algo máis de 1,5 quilómetros do rego da Fraga, en preto dun quilómetro do rego da Xeira e en algo máis de 100 metros do rego do Inferno.
As actuacións consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente nas canles fluviais para evitar atoamentos así como en labores de roza puntual de arbustos no acceso ás canles, ao tempo que se aproveitará para a retirada de especies exóticas invasoras.
Os traballos, que xa foron comunicados ao concello, prolongaranse durante aproximadamente 24 semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras así como coa utilización de maquinaria de apoio como un tractor, un camión e unha carretilla de carga.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías da demarcación Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación.
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

