A Xunta recoñece en Ourense a Bermello Electrodomésticos como exemplo de comercio tradicional que aposta pola dixitalización

Redacción
Lectura mínima de 4
  • A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social participou hoxe nun dos locais de Bermello Electrodomésticos na presentación de Xerme III, iniciativa que busca reforzar o ecosistema emprendedor galego no ámbito do comercio electrónico
  • Este programa enmárcase na colaboración da Administración autonómica co Clúster do Ecommerce Galego e está enfocado tanto a novos proxectos como a negocios existentes que aposten por acceder á comercialización dixital
  • Marta Mariño subliña o apoio do Goberno galego ao tecido emprendedor, reflectido en ferramentas como a Rede de polos, que será o núcleo da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia 2025-2030
  • Con esta nova edición de Xerme, refórzase o compromiso autonómico co emprendemento, apoiando o comercio electrónico para a modernización do tecido empresarial e a creación de novas oportunidades económicas

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe en Ourense nunha mesa redonda do evento de presentación de Xerme III, celebrado nun dos establecementos de Bermello Electrodomésticos. O obxectivo de Xerme é o emprendemento no ecommerce ao abeiro da Rede de polos de emprendemento da Xunta coa colaboración do Clúster do Ecommerce Galego. Alí a directora xeral subliñou a traxectoria exemplar de Bermello Electrodomésticos, un comercio tradicional e arraigado no territorio que soubo adaptarse ás tendencias de consumo e apostou pola dixitalización e por combinar o comercio en tenda física co comercio electrónico.

Alí Marta Mariño tamén salientou o apoio que brinda a Administración galega ao tecido emprendedor, reflectido a través de ferramentas como a Rede de polos, que será o núcleo da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia 2025-2030 na que traballa a Xunta co fin de coordinar todo o ecosistema emprendedor da comunidade. No caso de Xerme, puxo en valor a colaboración co Clúster do Ecommerce Galego para levalo a cabo, así como a formación técnica e mentorización especializada que abarca esta acción co fin de crear ou consolidar proxectos de comercio electrónico ou servizos vinculados a este ámbito.

Nesta liña lembrou que Xerme está enfocado tanto a novos proxectos como a negocios existentes que aposten por acceder á comercialización dixital. De feito, entre as propostas seleccionadas hai distintas modalidades de negocio relacionados coa gandaría, téxtil e calzado, as manualidades, a xoiaría, o turismo, o benestar, a alimentación e a cosmética natural, entre outros e algunhas delas asesoradas na Rede de polos de emprendemento.

Detalles do programa

Do mesmo xeito que o ano pasado, Xerme estrutúrase en dúas modalidades —iniciación e avanzado— para adaptarse tanto a iniciativas en fase de ideación como a ecommerce xa en funcionamento. Consta de tres fases complementarias. Na primeira, os proxectos participan en obradoiros intensivos para definir o seu modelo de negocio, incluíndo a proposta de valor, a cadea de valor e os canais e a estrutura financeira.

A segunda fase, que se desenvolverá ata setembro, combinará formación avanzada e titorización individualizada adaptada a cada proxecto, centrada na mellora da estratexia competitiva, aspectos técnicos e viabilidade. A terceira fase preparará aos participantes en técnicas de comunicación e presentación, culminando coa celebración dun DemoDay no que cada proxecto poderá expoñer a súa iniciativa ante investidores, clientes e outros axentes do ecosistema emprendedor.

Con esta terceira edición, a Xunta reforza o seu compromiso co impulso do ecosistema emprendedor en Galicia, apoiando o comercio electrónico como un sector estratéxico para a modernización do tecido empresarial e a creación de novas oportunidades económicas.

Comparte este artigo