- Preto de 500 alumnos participan na xornada de fin de curso da programación dos Polos Creativos dedicada ao gran fenómeno astronómico deste verán
- O conselleiro destaca o papel destes espazos para achegar a ciencia e a exploración espacial ao alumnado
- O encontro serviu tamén para presentar as liñas de traballo para o curso 2026/27 e no decurso do mesmo lanzouse a cápsula estratosférica MarumaSAT VIII
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, coñeceu hoxe os 20 proxectos galardoados pola Xunta como as mellores iniciativas científicas realizadas por estudantes desde os Polos Creativos arredor da eclipse solar total do próximo 12 de agosto. Fíxoo nunha visita á exposición na que docentes e alumnos amosan na Cidade da Cultura estes traballos, encontro co que se pechan as actividades realizadas nos Polos Creativos dos centros educativos ao longo deste curso para preparar o gran fenómeno astronómico deste verán.
O titular de Educación destacou que as iniciativas premiadas son “un reflexo do enorme potencial que existe nos centros educativos e do compromiso por impulsar metodoloxías activas que favorecen a aprendizaxe, a creatividade e o pensamento crítico”. Segundo indicou, os proxectos galardoados evidencian que a educación científica “resulta máis efectiva cando os estudantes son protagonistas da aprendizaxe e participan en proxectos reais conectados co mundo que os rodea”.
Os proxectos premiados abranguen traballos de divulgación científica, investigación, observación astronómica e didáctica das ciencias elaborados nos centros educativos ao longo deste curso grazas ao equipamento dos Polos creativos. Ao longo da xornada de hoxe, estudantes e docentes explicaron ao público visitante as solucións tecnolóxicas e experimentos desenvolvidos para a súa elaboración.
O encontro reuniu preto de 500 estudantes de diferentes etapas educativas, docentes, investigadores das universidades e integrantes da Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA). A cita serviu tamén para difundir as actividades astronómicas previstas en Galicia nos meses previos á eclipse total do 12 de agosto. Neste marco, presentáronse as principais accións divulgativas que se desenvolverán durante o verán e que buscan facilitar á cidadanía recursos e información para seguir este fenómeno con garantías e seguridade.
Novos retos para o curso 2026/27
Ademais, a Consellería deu a coñecer as liñas de actuación dos Polos Creativos para o próximo curso, que manterán a exploración espacial como eixo temático e incorporarán novas propostas vinculadas á robótica, á programación e ao desenvolvemento tecnolóxico.
Lanzamento da misión MarumaSAT VIII
A xornada concluíu co lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSAT VIII, unha iniciativa impulsada pola Axencia Espacial Escolar Galega que permite ao estudantado participar en misións reais de exploración mediante globos sonda capaces de alcanzar os 30.000 metros de altitude. A misión incorpora distintos experimentos científicos destinados á recollida de datos e á análise das condicións da estratosfera, ofrecendo ao alumnado unha experiencia práctica de investigación que reproduce procesos propios da actividade aeroespacial e científica profesional.
A relación de centro galardoados é a recollida na seguinte táboa:
| CONCELLO | CENTRO | MODALIDADE DO PREMIO |
| Provincia da Coruña | ||
| Cambre | CEIP Portofaro | Mellor conxunción de tecnoloxía e creación narrativa nos Polos Creativos |
| Cedeira | IES Punto Candieira | Mellor logro e deseño tecnolóxico nos Polos Creativos |
| Ferrol | CPR Tirso de Molina | Mellor comunicación científica e divulgación nos Polos Creativos |
| Ferrol | IES Saturnino Montojo | Mellor integración do pensamento computacional e as matemáticas na astronomía |
| Narón | IES Terra de Trasancos | Mellor proposta de promoción da saúde e observación segura da eclipse |
| Oleiros | CPR Plurilingüe Hijas de Cristo Rey | Mellor enfoque integral nos Polos Creativos |
| Ponteceso | IES Eduardo Pondal | Proxecto mellor adaptado á realidade do alumnado dos Polos Creativos |
| Ribeira | CEIP Plurilingüe de Frións | Centro máis implicado nos Polos Creativos |
| Santiago de Compostela | CPR Vilas Alborada | Proxecto máis creativo nos Polos Creativos |
| Santiago de Compostela | CEIP de Roxos | Proxecto mellor adaptado ao alumnado nos Polos Creativos |
| Provincia de Lugo | ||
| Cervantes | CPI de Cervantes | Prototipado máis completo nos Polos Creativos |
| Monforte de Lemos | CEE Infanta Elena | Proxecto máis inclusivo nos Polos Creativos |
| Provincia de Ourense | ||
| Ourense | CPR Plurilingüe María Auxiliadora Salesianos | Mellor programación de aplicacións nos Polos Creativos |
| A Rúa | CEIP Manuel Respino | Mellor produción sonora nos Polos Creativos |
| Provincia de Pontevedra | ||
| Moaña | IES As Barxas | Mellor creación dixital para Realidade Virtual nos Polos Creativos |
| Pontevedra | CEIP Álvarez Limeses | Proxecto con mellor aplicación do Deseño Universal para a Ensinanza |
| Vigo | CPR Plurilingüe Andersen Augalonga | Mellor proposta de creación audiovisual |
| Vigo | CEIP Balaídos | Mellor proposta de pensamento computacional nos Polos Creativos |
| Vigo | IES República Oriental do Uruguai | Mellor solución técnica e creativa a un problema |
| Vilagarcía de Arousa | IES Armando Cotarelo Valledor | Mellor adaptación creativa dun instrumento astronómico |

