A Xunta reforza a conexión da cidadanía galega no Brasil coas oportunidades laborais do tecido empresarial autonómico en sectores estratéxicos

Redacción
  • José González salienta que esta nova edición da feira de emprego, que terá continuidade mañá en Salvador de Bahía, consolida esta iniciativa pioneira e contribúe á atracción de talento retornado e a afrontar retos como a cobertura de vacantes
  • Lembra que esta acción está vinculada ao programa Retorna Cualifica Emprego, incluído na Estratexia Galicia Retorna e que busca favorecer o regreso a Galicia de emigrantes ou os seus descendentes con traballos ofertados en orixe
  • Destaca que está en marcha a terceira edición do Retorna Cualifica Emprego e que na actualidade dentro del hai 70 empresas galegas que están manifestando interese en contratar e están ofertando máis de 500 postos de traballo
  • A axenda do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración continúa hoxe e mañá en Salvador de Bahía con diferentes encontros con membros de entidades vinculadas á colectividade galega nesta zona e coa visita á feira de emprego nesta cidade

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou —na sede da Sociedade Hispano-Brasileira Casa de Espanha de São Paulo— a feira de emprego impulsada pola Xunta no Brasil, que terá continuidade mañá con outra cita en Salvador de Bahía, á que tamén asistirán ambos. Alí o conselleiro tamén se reuniu con membros da Sociedade Hispano-Brasileira Casa de Espanha e salientou que esta iniciativa permitirá aos galegos e galegas residentes nesta zona coñecer as oportunidades laborais que están o ofrecer sectores estratéxicos como o metalmecánico, naval, enerxías renovables ou TIC.

Neste contexto, José González explicou que nesta iniciativa as persoas asistentes entran en contacto directo coas empresas e clústeres galegos participantes na feira, o que contribúe a afinar os procesos de selección en postos de traballo acordes aos perfís dos participantes e a afrontar retos como a cobertura de vacantes e a remuda xeracional. Ademais, engadiu, participan en actividades, charlas e talleres prácticos impartidos por persoal de distintos departamentos da Xunta e relacionados coa Estratexia Galicia Retorna e o acompañamento integral que abarca, a busca de emprego e o emprendemento, entre outros, co fin de mellorar as súas capacidades e oportunidades laborais en Galicia.

Con esta nova edición da feira de emprego, o Goberno galego consolida esta iniciativa pioneira tralo éxito das edicións celebradas o pasado ano na Arxentina e no Uruguai. Deste xeito, expuxo o conselleiro, a Xunta busca seguir favorecendo o retorno daquelas persoas galegas en idade laboral que queiran regresar a Galicia, aspecto que supón unha oportunidade estratéxica de atracción de talento para a comunidade, pois os seus perfís son clave para atender as necesidades de man de obra do tecido empresarial galego.

Retorna Cualifica Emprego

No marco desta visita, o conselleiro tamén subliñou que esta acción se encadra no modelo galego de atracción de talento promovido pola Xunta e está vinculada ao programa Retorna Cualifica Emprego, incluído na Estratexia Galicia Retorna. Con este programa, a Administración galega busca favorecer, da man das empresas, o regreso a Galicia de persoas que emigraron ou dos seus descendentes con traballos ofertados en orixe.

Neste sentido, José González lembrou que está en marcha a terceira edición do Retorna Cualifica Emprego na que xa se poden inscribir as persoas interesadas. Subliñou que, na actualidade, dentro desta iniciativa, hai 70 empresas galegas que están manifestando interese en contratar e están ofertando máis de 500 postos de traballo.

Feira de emprego en Salvador de Bahía e encontros coa colectividade

A axenda do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración continúa hoxe e mañá en Salvador de Bahía con diferentes encontros con membros de entidades vinculadas á colectividade galega nesta zona e coa visita á feira de emprego nesta cidade. Con estas accións a Xunta busca, por unha banda, seguir conectando o talento da Galicia exterior coas oportunidades laborais do tecido produtivo galego e, por outra, favorecer o retorno da cidadanía galega emigrada e dos seus descendentes.

Comparte este artigo