HomeXunta de GaliciaA Xunta reforza o apoio aos concellos, a prestación dos servizos de...

A Xunta reforza o apoio aos concellos, a prestación dos servizos de xustiza e a atención as emerxencias con incrementos orzamentarios en 2026

- Anuncio -spot_img
  • Diego Calvo destacou os aumentos do 17% na contía destinada ao eido local e de case o 20% no investimento da asistencia xurídica gratuíta, así como a aposta pola anticipación e a prevención nas emerxencias
  • O presuposto tamén medra no ámbito deportivo, no que se impulsarán diversas infraestruturas, e na acción exterior, que fortalece o Plan anual da cooperación galega
  • O Goberno galego seguirá promovendo a mobilidade sostible e accesible a través do transporte público de competencia autonómica con máis de 160 millóns de euros

A Xunta reforza en 2026 o apoio aos concellos, a prestación dos servizos de xustiza e a atención ás emerxencias con incrementos nos orzamentos destinados a estas áreas, segundo explicou hoxe no Parlamento o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. Na comparecencia para informar dos presupostos do seu departamento, que ascenden a case 585 millóns de euros, o conselleiro salientou tamén a aposta polo fomento do deporte, a acción exterior galega e a mobilidade sostible e accesible.

Unha das áreas máis reforzadas, a que ten que ver co apoio aos concellos, contará con 26,5 millóns de euros, un 17% máis que neste exercicio. O obxectivo é seguir desenvolvendo liñas de colaboración coas administracións locais, como a orde de infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental ou a orde plurianual de eficiencia enerxética cofinanciada con fondos Feder. A elas súmase como nova  medida o Banco municipal de maquinaria compartida, dotado cun millón de euros. Trátase dun proxecto piloto que busca facilitar que os concellos compartan equipamento especializado para o desenvolvemento de servizos públicos da súa competencia.

Ademais, medran os fondos para a orde de proxectos estratéxicos, ao pasar dos 8,5 millóns de euros a 10 millóns. Quérese así “satisfacer a importante demanda destas actuacións, con gran transcendencia supramunicipal e que contribúen a fomentar a economía e a industria dos concellos galegos e a transformar de maneira transversal outros ámbitos como o turismo, o deporte ou o medio ambiente”, indicou Diego Calvo. Tamén se consolida o incremento feito o ano pasado na liña de colaboración coas asociacións veciñais, mantendo catro millóns de euros para este mecanismo de dinamización da vida local.

O conselleiro apelou unha vez máis á necesidade urxente de negociar o financiamento autonómico e local e incidiu na reclamación ao Goberno central dun cambio de paradigma. Ante a inacción estatal, afirmou que a Xunta seguirá poñendo todo o que sexa preciso para atender as necesidades dos concellos e insistiu no paso adiante que suporá a aprobación da nova Lei de Administración Local de Galicia. Nesta liña, anunciou que a redacción do anteproxecto da nova lei se someterá á aprobación inicial por parte do Consello da Xunta xa en novembro.

Asistencia xurídica gratuíta e nova oficina xudicial

No eido da xustiza, o presuposto supera os 190 millóns de euros para actuar en dúas liñas de acción principais. Trátase da cobertura e protección do dereito de asistencia xurídica gratuíta, que suporá incrementar en preto do 20% o investimento destinado a esta área ata chegar a máis de 18,5 millóns de euros, e a posta en marcha da nova oficina xudicial.

Segundo sinalou Diego Calvo, ambas as liñas veñen derivadas da implantación da lei de eficiencia do servizo público de xustiza, que supón un profundo cambio de estrutura cun calendario de implantación moi esixente e sen dotación económica por parte do Goberno central. A pesar disto, Galicia xa puxo en marcha a primeira fase en prazo e está a traballar na implantación da fase III, correspondente aos partidos xudiciais das grandes cidades e que debe estar rematada o 31 de decembro. O conselleiro salientou que a implantación dos novos tribunais de Instancia suporá incrementar en preto dun 4% os orzamentos destinados a persoal no servizo de xustiza, cun custo que ascende a 134,5 millóns de euros o vindeiro exercicio.

Nas infraestruturas xudiciais, avanzarase na eficiencia enerxética cun orzamento de 6,8 millóns de euros cofinanciados con fondos Feder, así como na construción do edificio do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) en Compostela, con 4,6 millóns de euros.

Anticipación e prevención nas emerxencias

Pola súa banda, a atención ás emerxencias sobe o orzamento ata case 43 millóns de euros, incluíndo as partidas para a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) e a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Neste ámbito o principal obxectivo é reforzar os medios para combater os efectos de situacións como as vividas nos últimos meses, como a vaga de lumes, o apagamento enerxético ou os fenómenos meteorolóxicos adversos.

Diego Calvo incidiu na importancia da anticipación e a prevención, polo que se dispuxo unha nova partida de 330.000 euros para axudar aos pequenos concellos a contar con Plans de actuación municipal fronte a incendios forestais. A medida vai dirixida a cofinanciar os custos de elaboración destes plans no caso dos concellos de menos de 10.000 habitantes, coa previsión de beneficiar uns 160 municipios.

Mantense ademais o apoio aos servizos de emerxencias de competencia local, como os Grupos de Emerxencia Supramunicipais e as Asociacións de Voluntarios de Protección Civil, coa dotación de equipamento, no que se levan investido nos últimos anos 28 millóns de euros,  e axudas ao funcionamento, así como aos consorcios de bombeiros provinciais, aos que se reservan de 16 millóns de euros en 2026.

A Agasp continúa como centro de referencia na formación dos servizos de emerxencias e das forzas e corpos de seguridade que operan en Galicia. Con respecto á Policía Local, Diego Calvo anunciou que o vindeiro ano se aprobará unha normativa que actualice os baremos aplicables aos procesos selectivos e de provisión de prazas destes corpos, para fomentar unha maior presenza feminina.

No que se refire á Unidade de Policía Adscrita de Galicia, redundou na necesidade de que o Goberno central cubra as prazas vacantes, xa que continúa cun déficit do 30%, con só 339 efectivos dos 500 previstos. Segundo apuntou, esta situación “obriga a facer axustes na prestación de servizos” comezando polo servizo de seguridade no Parlamento de Galicia e no complexo administrativo do Goberno galego en San Caetano. “De non cubrir máis prazas teremos que facer axustes noutras funcións”, engadiu, ao tempo que lembrou que a Xunta leva tempo reclamando ao Goberno unha resposta para chegar a unha proposta consensuada entre ambas as partes para cubrir as vacantes sen que ata o de agora houbese resposta.

Infraestruturas deportivas e acción exterior

A Secretaría Xeral para o Deporte reforza tamén o seu orzamento ata case 42 millóns de euros. As principais apostas céntranse no impulso das infraestruturas, tanto autonómicas como locais, ao que se destinan 13,4 millóns de euros coa previsión de actuar en instalacións como o polideportivo Elviña II na Coruña, a Cidade Deportiva de Ferrol, o estadio do Anxo Carro en Lugo, o complexo deportivo de Monterrei, no Pereiro de Aguiar, ou as pistas de atletismo de Balaídos, en Vigo, así como avanzar na licitación do Centro de Alto Rendemento de Galicia, en Pontevedra.

Seguirase promovendo a práctica deportiva entre escolares a través do programa Xogade, no que participaron o curso pasado o 66% da rapazada galega de entre seis e 16 anos, e ao que se reservan para o próximo ano 4,4 millóns de euros, medio millón máis que neste exercicio. Tamén se continuará apoiando as federacións e clubs deportivos, cun orzamento de máis de 7,7 millóns de euros, e o deporte de alto nivel, con 4,2 millóns de euros para o plan de patrocinios e as bolsas a deportistas.

A acción exterior galega tamén ve reforzado o seu orzamento ata case 13 millóns de euros, dos que a meirande parte, 10 millóns, se destinan ao Plan anual da cooperación galega 2026, no marco do V Plan director da cooperación galega 2023-2026, o que supón un crecemento de algo máis do 5%. Mantéñense as habituais convocatorias de subvencións para proxectos de cooperación no exterior, de axuda humanitaria,  e de educación para o desenvolvemento global, entre outras. Como novidade, nas subvencións para proxectos de cooperación no exterior de ONGD e outros axentes de cooperación destinaranse 1,2 millóns de euros ao apoio á organización de defensa dos dereitos das mulleres.  

Por outra banda, seguirase traballando na cooperación transfronteiriza, na que Galicia é referente, e incidirase nas principais reivindicacións, como son a constitución da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Raia Seca Gêres-Xurés, o plan de mobilidade transfronteiriza e o estatuto do cidadán transfronteirizo, entre outras. Continuarase desenvolvendo tamén a actividade relativa á presenza galega en Europa.

Mobilidade sostible e accesible

O orzamento reservado para mobilidade suma 195 millóns de euros, dos que máis de 160 están consignados ao transporte: 90 millóns de euros ao transporte escolar, con 3.374 rutas que cobren os desprazamentos de case 81.000 alumnos; 34,7 millóns de euros ao transporte interurbano; 29 millóns de euros ás bonificacións, nas que se inclúen a tarifa +65 e a tarxeta Xente Nova, con arredor de 130.000 usuarios cada unha delas; e 6,4 millóns de euros ao 065, Servizo galego de apoio á mobilidade persoal.

Diego Calvo sinalou tamén a importancia das infraestruturas a prol dunha mobilidade sostible e accesible. Nesta liña, referiuse á mellora da accesibilidade e conectividade das paradas de autobús, á que se destinan 7 millóns de euros cofinanciados con fondos Feder para actuar en 165 puntos nunha trintena de concellos. Continuarase coa renovación de marquesiñas e coa dotación de aparcadoiros disuasorios, con dotacións de medio millón de euros en cada caso. Canto ás estacións de autobuses, resérvanse 629.000 euros para melloras en varias delas e 7,9 millóns de euros para rematar a intermodal de Lugo, onde ademais se instalará un proxecto piloto de aparcadoiro intelixente para bicicletas.

Así mesmo, a área de mobilidade suma unha nova liña de axudas ás xa existentes para formación e renovación de vehículos, dirixida a entidades sen ánimo de lucro e centrada na adquisición de vehículos adaptados para persoas con mobilidade reducida.

Publicacións Relacionadas