A Xunta reforza o ecosistema de emprendemento transfronteirizo co proxecto GreenSeed e destaca o potencial da bioeconomía no rural galego

Redacción
Lectura mínima de 6
  • José González subliña o impacto de GreenSeed para dinamizar e protexer o territorio, conectando oportunidades entre Galicia e o norte de Portugal e favorecendo a atracción e retención de talento no rural
  • Enmarca esta cooperación transfronteiriza na filosofía da Rede Ultreia, que promove a colaboración público-privada para un emprendemento máis conectado, e lembra que xa son máis dun cento as entidades asinantes do manifesto de vontades
  • Destaca o papel estratéxico da bioeconomía para diversificar a actividade produtiva e avanzar na transición ecolóxica a partir dos recursos do territorio, especialmente en ámbitos como o agroalimentario, o forestal ou a valorización sostible
  • Pon en valor o apoio ao tecido emprendedor a través da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio e o impulso da Rede de polos, que rexistra máis de 1.200 proxectos atendidos nas catro oficinas de Ourense
  • Lembra tamén o reforzo do acompañamento ás empresas con medidas de impacto no rural, como a nova orde para rehabilitación de vivendas destinadas a traballadores, co obxectivo de cubrir vacantes e fixar poboación (1,5 M€)

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe na xornada de lanzamento do proxecto GreenSeed, celebrada nas instalacións de Bodegas Ladairo.

A iniciativa, liderada pola Xunta e financiada no marco do programa Interreg España-Portugal (POCTEP), ten como obxectivo reforzar o ecosistema transfronteirizo de apoio ao emprendemento en bioeconomía mediante a cooperación entre Galicia e o norte de Portugal. O proxecto articúlase a través dun consorcio no que tamén participan a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Juana de Vega, así como a Comunidade Intermunicipal do Alto Tâmega e Barroso (CIMAT), a Associação de Desenvolvimento da Região do Alto Tâmega (ADRAT) e o Instituto Politécnico de Bragança na parte portuguesa.

No acto —que contou coa presenza da alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, xunto a outros rexidores da comarca— o conselleiro puxo en valor esta iniciativa estratéxica polo seu potencial para dinamizar e protexer o territorio, ao tempo que fortalece o ecosistema emprendedor vinculado á bioeconomía e xera oportunidades reais de emprego de calidade, contribuíndo á atracción e retención de talento no rural. Neste contexto, subliñou que proxectos como GreenSeed encaixan plenamente coa filosofía da Rede Ultreia Galicia, impulsada polo Goberno galego e orientada a construír un ecosistema de emprendemento máis conectado, colaborativo e eficiente mediante a suma de capacidades entre axentes público-privados e cunha visión que integra tamén a cooperación transfronteiriza como un ámbito de oportunidades. A este respecto, lembrou que xa son máis dun cento as entidades que se adheriron ata o de agora ao Manifesto de vontades para a creación da Rede Galega do Ecosistema de Emprendemento. Ademais, salientou que a bioeconomía representa unha oportunidade clave no contexto da transición ecolóxica, ao posibilitar a diversificación da actividade produtiva a partir dos recursos propios do territorio, especialmente en ámbitos como o agroalimentario, o forestal ou a valorización sostible dos recursos naturais.

Do mesmo xeito, lembrou que a Xunta está a avanzar na futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, que reforzará o apoio ás persoas emprendedoras e potenciará instrumentos xa consolidados como a Rede de polos, que leva atendidos máis de 6.100 proxectos en toda Galicia, dos que máis de 1.200 corresponden ás oficinas de Ourense situadas no Barco de Valdeorras, Baños de Molgas, O Carballiño e Verín. A isto súmanse liñas de axuda como as destinadas ao colectivo autónomo (40,7 M€), que incorporan este ano como novidade a cota cero durante dous anos para persoas emprendedoras nos ámbitos gandeiro, agrícola ou silvícola.

Rematou incidindo en que o compromiso da Xunta co acompañamento ao tecido emprendedor se estende tamén ás propias empresas, con medidas de especial alcance no rural como a aprobada esta semana no Consello da Xunta, en colaboración coa Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, para rehabilitar vivendas destinadas a traballadores co obxectivo de cubrir vacantes e fixar poboación no rural (1,5 M€).

Proxecto GreenSeed

GreenSeed é un proxecto transfronteirizo entre Galicia e o norte de Portugal, que se desenvolverá ata 2028 e se centra no impulso da bioeconomía en sectores como o agroecolóxico, alimentario, forestal e bioenerxético. Actuará en catro áreas piloto a ambos lados da fronteira co obxectivo de crear ecosistemas locais de apoio ao emprendemento, a través da identificación e dinamización de axentes, formación especializada, transferencia de coñecemento e espazos de colaboración e experimentación, apoiados por ferramentas dixitais como a plataforma Data Terra.

O proxecto culminará coa elaboración dun Plan Director de cooperación transfronteiriza que marcará a folla de ruta para consolidar un ecosistema estable de emprendemento en bioeconomía e impulsar novas iniciativas ligadas á transición verde.

Comparte este artigo